Pestanas principais

O luns 7 setembro abre o prazo de preinscrición nas actividades das Escolas deportivas 2026-2027

Martes, 01 de setembro de 2026

O luns, 7 de setembro, abre o prazo de preinscrición na nova programación das Escolas deportivas do Concello de Ames para a tempada 2026-2027. O prazo de preinscrición estará aberto ata o día 13 de setembro. A preinscrición realizarase a través da nova app Deportes Concello de Ames. Para poder preinscribirse é necesario darse de alta seguindo as indicacións da propia plataforma. Neste prazo de preinscrición, cada persoa só poderá inscribirse nunha escola deportiva e non se permitirá a inscrición en máis dun grupo da mesma actividade. Nas actividades que haxa máis preinscricións que prazas ofertadas, realizarase un sorteo o luns 14 de setembro. Non se conceden as prazas por orde de inscrición. A listaxe de admitidos publicarase o 15 de setembro na páxina web municipal.

O departamento de Deportes vén de facer pública a oferta das Escolas deportivas para a tempada 2026-2027. As actividades, organizadas polo Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña, volverán o xoves 1 de outubro de 2026 e rematarán o sábado 12 de xuño de 2027. As actividades terán unha duración de 1 hora, excepto a de natación que durará 30 minutos.

A principal novidade para o curso 2026-2027 é a creación dun novo grupo de taekwondo no Milladoiro, dentro da programación de formación das Escolas deportivas.  Preme nesta ligazón para coñecer en detalle as instrucións de preinscrición e mailas actividades ofertadas.

Formación e Ponte en Forma
Este curso as Escolas deportivas contan na categoría de formación deportiva con baile moderno, baloncesto, fútbol sala feminino, fútbol sala mixto, judo, natación, patinaxe, predeporte, taekwondo, xadrez, tenis, voleibol e ximnasia rítmica. Os maiores de 14 anos poderán inscribirse nas actividades do programa Ponte en Forma, que inclúe aerozumba; adestramento funcional; ioga; pilates; ximnasia de mantemento; e spinning, abdominais e glúteos.

As tarifas para unha actividade das Escolas deportivas durante o curso completo son de 80 euros para os maiores de 18 anos e de 60 euros para os menores de 18 anos. No caso do segundo membro da unidade familiar menor de 18 anos o custo é de 30 euros, mentres que para un terceiro e restantes membros menores de 18 anos o custo é de 15 euros.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destaca que “o Concello de Ames oferta unha ampla variedade de modalidades deportivas dentro do programa das Escolas deportivas municipais. Trátase dun programa que conta cun gran número de usuarios e usuarias, xa que se inscriben preto de 2.000 persoas cada curso”. Ademais incide “na necesidade de practicar deporte, xa que é beneficioso tanto a nivel físico coma mental”.

Preinscrición
O prazo de preinscrición vai do 7 ao 13 de setembro e realizarase unicamente a través da nova app Deportes Concello de Ames. Para inscribirse é necesario darse de alta seguindo as indicacións da propia plataforma. O rexistro de menores de idade, persoas con tutela legal ou persoas maiores con dificultade para as novas tecnoloxías, terao que realizar un só dos proxenitores, un dos titores legais ou un adulto. Esta persoa terá que rexistrarse primeiro como persoa usuaria, e unha vez iniciada sesión na súa conta, accederá ao apartado de contas subordinadas e engadirá as contas que se precisen. A preinscrición xerará un número de rexistro que será o número co que se identifique a persoa preinscrita na listaxe xerada tras o resultado do sorteo.

Neste prazo de preinscrición, cada persoa só poderá inscribirse nunha escola deportiva e non se permitirá a inscrición en máis dun grupo da mesma actividade. Nas actividades que haxa máis preinscricións que prazas ofertadas, realizarase un sorteo o luns 14 de setembro. Non se conceden as prazas por orde de inscrición. A listaxe de persoas admitidas publicarase o 15 de setembro na páxina web do Concello de Ames, indicando o código de preinscrición establecido. Tamén se enviará un correo electrónico informando da admisión das prazas e de como realizar o pagamento da actividade.

A poboación empadroada no concello de Ames poderá inscribirse e formalizar a matrícula durante o prazo de inscrición (no mes de setembro). Durante o curso tamén se poderá inscribir aboando a parte proporcional do custe do curso completo. A poboación non empadroada poderá inscribirse unha vez rematado o prazo de inscrición do mes de setembro e sempre e cando queden prazas libres.

Para máis información sobre as actividades deportivas pódese chamar aos números de teléfono 619 842 504 e 981 535 940. Outra opción é enviar un correo electrónico aos enderezos deportes@concellodeames.gal e deportes.milladoiro@concellodeames.gal.

Método de pagamento
Unha vez publicada a listaxe de persoas admitidas na páxina web municipal o 15 de setembro, as persoas que obtiveran praza deben facer o pagamento desde o 15 ata o 21 de setembro. Pódese realizar o pagamento a través da nova app Deportes Concello de Ames. Unha vez feito o pagamento no prazo estipulado (do 15 ao 21 de setembro), non é preciso realizar ningún outro trámite. Se non se realiza o pagamento no prazo establecido, a preinscrición quedará anulada.

Inscrición ao longo do curso
Cada mes sacarase unha listaxe coas prazas libres e estas iranse cubrindo por orde de solicitude. Neste caso, o alumnado inscrito nunha actividade poderá matricularse noutra na que quedasen prazas libres. No suposto de inscricións unha vez comezado o curso, o importe da cota será o resultante de multiplicar a tarifa mensual (incluído o mes da propia inscrición), polo número de meses que restan para rematar o curso.

Baixas
No caso de baixa, estas deberán tramitarse a través do Rexistro de Entrada ou da Sede electrónica do Concello de Ames. Só se devolverá a parte proporcional da cota aboada naqueles supostos que se consideren baixa por forza maior (enfermidade acreditada). Se o/a alumno/a acumula faltas inxustificadas á actividade iguais ou superiores a 5 durante un período dun mes será motivo de baixa automática.

O luns 7 setembro abre o prazo de preinscrición nas actividades das Escolas deportivas 2026-2027

Multimedia

  • O luns 7 setembro abre o prazo de preinscrición nas actividades das Escolas deportivas 2026-2027
  • O luns 7 setembro abre o prazo de preinscrición nas actividades das Escolas deportivas 2026-2027
  • O luns 7 setembro abre o prazo de preinscrición nas actividades das Escolas deportivas 2026-2027
  • O luns 7 setembro abre o prazo de preinscrición nas actividades das Escolas deportivas 2026-2027
  • O luns 7 setembro abre o prazo de preinscrición nas actividades das Escolas deportivas 2026-2027
  • O luns 7 setembro abre o prazo de preinscrición nas actividades das Escolas deportivas 2026-2027