Pestanas principais

O BNG de Ames celebra a apertura do Centro Multifuncional do Milladoiro

Luns, 14 de setembro de 2026

Escarlata Pampín recorda que “foi un proceso que se iniciou hai moito tempo, que levou mais do agardado, e do que fomos partícipes dende o seu inicio”. En   2017 resólvese a concesión das axudas europeas FEDER para a EDUSI “Impulsa Ames”. Nese momento o plan queda formalmente aprobado. No 2018 comeza o desenvolvemento real no concello, con presentación pública e proceso participativo do plan. Este plan inclúe entre as súas actuacións a creación dun centro de mocidade no Milladoiro, como parte das políticas de inclusión social e dinamización.

Pampín explica que para o BNG de Ames este foi sempre un proxecto clave, “neste sentido a oposición solicitamos un pleno extraordinario en novembro do ano 2023 ante a falta de transparencia do goberno”. O 21 de febreiro do ano 2024, a formación nacionalista asina un acordo político co partido socialista de Ames no que se recollía textualmente “dar continuidade aos proxectos e investimentos aprobados durante os anteriores mandatos no que ambos grupos políticos formaban parte do goberno municipal. En particular os relacionados co Plan Único POS+ da Deputación da Coruña, o Plan Ames Progresa e o Plan Impulsa Ames  como é o caso particular do Centro de Mocidade do Milladoiro”.

Este acordo político incumpriuse por parte do PSOE en moitos dos seus puntos incluíndo o referente a este centro de Mocidade.
 
En setembro de 2025 a Corporación municipal de Ames deu luz verde, coa abstención da oposición, a un suplemento de crédito, financiado a través dunha operación de endebedamento,   por valor de 550.220 euros, para financiar  o contrato de finalización das obras de construción do Centro Multifuncional do Milladoiro dirixido á mocidade e a persoas en risco de exclusión social.

Daquela o BNG destacaba que tiñan claro que era necesario acabar o Centro o antes posible, pero engadían “co que non concordamos en absoluto é co xeito que escolle este goberno para facelo. A nosa folla de ruta sería outra totalmente diferente, acadando o financiamento necesario,  pero, unha vez máis, o goberno do partido socialista non quixo sentarse a estudar coa oposición, ou polo menos co BNG, cal podería ser a fórmula máis axeitada tendo en conta as condicións económicas nas que se atopa o concello” e agregaba “tal e como indica a interventora no seu informe e digo literalmente “Atendendo ao importe semella que porá en perigo o cumprimento da estabilidade orzamentaria do concello”manifestaba a voceira Escarlata Pampín.

Dende a formación nacionalista reiteran que sempre apostaron por este proxecto, dado que consideran que será moi positivo para o Milladoiro e para todo o concello ó tratarse dun centro dirixido á mocidade como parte das políticas de inclusión social e de dinamización.

O BNG de Ames celebra a apertura do Centro Multifuncional do Milladoiro