- Tematica
O Concello de Ames vén de investir 278.584 euros en dous proxectos sufragados con cargo ao POS+ 2025. Un dos proxectos, adxudicado á empresa Cosmalca SL por un importe de 144.637 euros, recollía obras de pavimentación en tres rúas do núcleo urbano de Bertamiráns como son Rueiro, Telleira, e no treito inicial do camiño do Rueiro, dende a avenida da Peregrina. Dito proxecto tamén contemplaba a mellora do viario que vai dende A Condomiña ata Punxeiras, na parroquia de Ortoño. A través do segundo proxecto, adxudicado á empresa Excavaciones Pose SL por un importe de 133.947 euros, executouse a mellora da pavimentación dos viarios da aldea Lapido, tamén pertencente á parroquia de Ortoño.
O alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, fixeron unha visita recentemente á rúa Telleira, situada en Bertamiráns, e ao lugar de Lapido, onde se executaron obras de reparación e mellora da pavimentación dos viarios. Estes proxectos, que se sufragaron con cargo ao POS+ 2025, enmárcanse dentro do plan de arranxo e mellora das vías e camiños municipais.
O alcalde, Blas García, explicou que “estes proxectos forman parte do POS+ principal de 2025 no se incluíu a execución de seis proxectos por valor de 1.073.870 euros. Neste caso executouse un proxecto que contemplaba actuacións en tres rúas do núcleo urbano de Bertamiráns e no viario que vai dende A Condomiña ata Punxeiras, na parroquia de Ortoño, e outro que recollía obras nos camiños interiores da aldea de Lapido. Trátase de obras moi necesarias, xa que é tan importante facer obras novas, como realizar o mantemento e acondicionamento das rúas urbanas e dos camiños do rural xa existentes”.
Visita á rúa da Telleira
En primeiro lugar, alcalde e concelleiro visitaron a rúa da Telleira, en Bertamiráns, onde se ampliaron as beirarrúas, ata acadar un ancho de 2 metros e se mellorou a pavimentación do viario. Co obxectivo de mellorar a circulación dos vehículos e a ordenación das zonas de estacionamento nesta rúa, o viario pasou a ser de sentido único cun carril de 3 metros de ancho e con zonas de aparcamento regulado.
Ademais, co obxecto de permitir a conexión peonil desta rúa co resto de beirarrúas existentes na contorna, executouse unha isleta peonil conformada por unha beirarrúa granallada, a implantación de dous pasos de peóns, un deles sobreelevado, e a adaptación das beirarrúas existentes.
Tamén se ampliou a liña de estacionamento de vehículos existente en Camiño Novo con pavimento de formigón, instalouse unha nova rede de iluminación pública coa colocación de luminarias e arquetas, realizouse a adaptación da rede de pluviais existente, e colocouse a correspondente sinalización horizontal e vertical en toda a rúa.
Acondicionamento da rúa Rueiro, camiño do Rueiro e do viario dende A Condomiña a Punxeiras
Este mesmo proxecto recollía actuacións en outras tres rúas e camiños. Deste xeito, mellorouse a capa de rodaxe da rúa Rueiro, naquelas zonas que se atopan máis deterioradas. Tamén se colocou a sinalización horizontal completa da rúa e instaláronse 6 elementos para a redución da velocidade dos vehículos, así como 4 sinais verticais. No Camiño do Rueiro executouse a mellora da capa de rodaxe dun treito de 80 metros, dende a intersección coa avenida da Peregrina. No viario dende A Condomiña a Punxeiras mellorouse a pavimentación nun tramo de viario dunha lonxitude de 225 metros de largo e 3 metros de ancho, así como 50 metros cadrados de sobreanchos e abanicos existentes.
Actuacións executadas en Lapido
Por outra banda, Blas García e Gustavo Nieto visitaron a aldea de Lapido, onde se executou a mellora da pavimentación dos viarios interiores deste lugar da parroquia de Ortoño.
Nos viarios do núcleo (1.270 metros cadrados) executouse un novo pavimento composto por 15 centímetros de formigón con mallazo sobre 5 centímetros de zahorra, previa demolición da superficie de firme existente. En ambas marxes realizouse unha franxa de lastra de granito de 35 centímetros de ancho e cortes transversais, tamén de 35 centímetros de ancho.
Ademais, pavimentouse un viario de 350 metros cadrados con 15 centímetros de formigón con mallazo, con cortes transversais de lastra de granito de 35 centímetros de espesor. Tamén se executou unha canalización de polipropileno de 90 milímetros de diámetro coas correspondentes arquetas para a rede de iluminación pública.
Novas relacionadas
El Correo Gallego "Ames renueva viales y aceras de Ortoño e incluye varias calles de Bertamiráns"
La Voz de Galicia: "Ames invirtió 278.000 euros en pavimentaciones en Bertamiráns y Ortoño"















