Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para o espectáculo Mumáxica S.L., de Iseo a Moura, un ser máxico que achegará a mitoloxía galega á cativada amesá

Xoves, 29 de outubro de 2026

O programa Apego continúa a súa programación habitual para as pequenas e pequenos do concello durante os últimos meses do ano. Esta vez, a actividade que se vai celebrar é o espectáculo Mumáxica S.L. de Iseo, a Moura. Este espectáculo bota man da narración oral con música orixinal, cancións con retrousos pegañentos, coreografías participativas e moita retranca. Esta actividade, que é de balde, e que está dirixida a familias con crianzas de 3 anos en adiante, celebrarase o venres 6 de novembro, ás 18.00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, xoves 29 de outubro, ata o vindeiro día 5 de novembro.

O proxecto Apego continúa coa programación prevista para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro. Nesta ocasión, organízase a actividade Mumáxica S.L. de Iseo, a Moura, unha proposta que pretende achegar a mitoloxía galega aos pequenos e pequenas do concello, dun xeito fresco, visual e cheo de maxia. Iseo, a Moura, un ser tan máxico como trapalleiro, precisará da axuda do público para lidar con xigantes, nebueiras e outras criaturas incribles.

O tema principal da obra foi lanzado en xuño de 2026 como sinxelo musical independente titulado Mumáxica S.L. Iseo, a Moura é unha filósofa, educadora ambiental e cantante galega (integrante de agrupacións como Sacha na Horta) que utiliza a figura mítica da Moura para divulgar o ecoloxismo, a sustentabilidade e as tradicións orais de Galicia.

O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, día 29, ata o vindeiro xoves 5 de novembro e, para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto. Non se admitirán inscricións fóra de prazo e as prazas asignaranse por orde de recepción de solicitude.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.

As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Aberto o prazo de inscrición para o espectáculo Mumáxica S.L., de Iseo a Moura, un ser máxico que achegará a mitoloxía galega á cativada amesá

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para o espectáculo Mumáxica S.L., de Iseo a Moura, un ser máxico que achegará a mitoloxía galega á cativada amesá