Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para o espectáculo "Contos para caghar patatillas", de Brais das Hortas, unha actividade para morrer de medo...ou de risa!

Xoves, 22 de outubro de 2026

O programa Apego continúa a súa programación habitual para as pequenas e pequenos do concello durante os últimos meses do ano. Esta vez, a actividade que está por desenvolverse é o espectáculo Contos para caghar patatillas, de Brais das Hortas. Trátase dunha proposta chea de contos, música, humor, efectos especiais e participación do público. A través de todos estes recursos, os contos falan da valentía, e de que non é valente que non ten medo, senón quen é capaz de enfrontarse a el. Esta actividade, que é de balde, e que está dirixida a familias con crianzas de 3 anos en adiante, celebrarase o venres 30 de outubro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, xoves 22 de outubro, ata o vindeiro día 29 de outubro.

O proxecto Apego continúa coa programación prevista para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro. Nesta ocasión, organízase a actividade Contos para caghar patatillas, de Brais das Hortas, unha proposta chea de contos con música en directo , efectos especiais, humor, e que contará coa participación activa do público. Mediante a narración oral, incorpora personaxes míticos da cultura popular galega, como a Santa Compaña, con ritmos e temas de actualidade.

Este espectáculo trata a relación entre o medo e a valentía, recoñecendo que é natural sentir medo, e que a valentía non radica na ausencia de medo, senón na capacidade de afrontalo. Ao longo da representación, combínanse numerosas e variadas historias que xogan cos sustos, ao tempo que coa risa, o humor e moita diversión.

O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, día 22, ata o vindeiro xoves 29 de outubro e, para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto. Non se admitirán inscricións fóra de prazo e as prazas asignaranse por orde de recepción de solicitude.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.

As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Aberto o prazo de inscrición para o espectáculo Contos para caghar patatillas de Brais das Hortas, unha actividade para morrer de medo...ou de risa!

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para o espectáculo Contos para caghar patatillas de Brais das Hortas, unha actividade para morrer de medo...ou de risa!