- Tematica
O proxecto Apego continúa coa programación prevista para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro. Nesta ocasión, organízase a actividade Contos para caghar patatillas, de Brais das Hortas, unha proposta chea de contos con música en directo, efectos especiais, humor, e que contará coa participación activa do público. Mediante a narración oral, incorpora personaxes míticos da cultura popular galega, como a Santa Compaña, con ritmos e temas de actualidade.
Este espectáculo trata a relación entre o medo e a valentía, recoñecendo que é natural sentir medo, e que a valentía non radica na ausencia de medo, senón na capacidade de afrontalo. Ao longo da representación, combínanse numerosas e variadas historias que xogan cos sustos, ao tempo que coa risa, o humor e moita diversión.





