- Tipo
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, organiza a novena edición do festival internacional de cinema infantil de Ames, que se vai a celebrar do 12 ao 15 de novembro no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A programación inclúe a proxección de máis de 70 curtametraxes, dúas retrospectivas especiais e obradoiros de cinema e ciencia. Esta iniciativa está organizada polo Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña. Os abonos para o festival, que teñen un prezo de 3 euros, estarán dispoñibles na Billeteira electrónica desde o luns 2 de novembro. Nesta edición a sesión do sábado ás 17.00h (Buxainas 3) contará cun subtitulado específico para persoas con discapacidade auditiva.
O festival proxectará máis de 70 curtametraxes, das que 36 competirán nas dúas categorías do festival: Axóuxeres (público menor de sete anos) e Buxainas (maiores de sete anos); e outras 17 formarán parte da sección especial para escolares. A programación incluirá máis de trinta estreas en Galicia e en España, reforzando o carácter internacional e de propostas audiovisuais novidosas dirixidas ao público infantil.
A ciencia será o fío condutor desta edición, procurando achegar o pensamento científico á infancia desde diferentes perspectivas, reivindicando o seu valor e dando visibilidade ao papel das mulleres neste ámbito. Tamén se explorará a ciencia ficción como xénero cinematográfico, a través de dúas sesións especiais de curtametraxes contemporáneas e clásicas nas que as viaxes espaciais, os robots e a ciencia son protagonistas.
Como é habitual, o festival celebrará dous obradoiros nas mañás do sábado e o domingo, orientados a fomentar a creatividade e a curiosidade por descubrir como funciona o mundo a través da linguaxe audiovisual.
Programación do venres 13 de novembro
A programación do venres comeza ás 9.30 horas con distintas sesións para o alumnado dos centros de ensino de Ames. Pola tarde, ás 17.00 horas celébrase a inauguración do festival e a continuación proxectarase a primeira sesión de Axóuxeres, para público menor de sete anos. Para pechar a xornada do venres, de 19.00 a 20.00 horas realizarase a primeira sesión de Buxainas, para rapaces e rapazas maiores de sete anos.







