Actualidade

O Concello de Ames participou os días 21 e 22 de outubro en Granada no encontro europeo de capacitación «Innovación Urbana: otras formas de hacer ciudad», organizado pola Iniciativa Urbana Europea (EUI). A cita reuniu máis de 200 representantes políticos e técnicos de Concellos e Deputacións de España e doutros países europeos para compartir experiencias, coñecer novas metodoloxías e avanzar na transformación urbana desde a innovación, a sustentabilidade e a participación cidadá.

Comezou o Festimax 2026, e fíxoo onte na Casa da Cultura de Bertamiráns coa maxia para bebés “Patapatún” do Mago Paco. Así arrincou a vixésimo primeira edición desta iniciativa tan asentada e aclamada no municipio. O festival, organizado polo Concello de Ames, en colaboración coa Deputación da Coruña, conta cun amplo programa de espectáculos e obradoiros para todos os públicos. O espectáculo encargado de abrir a semana máxica foi o de maxia para bebés do Mago Paco, seguido hoxe por Martilda, que visitou esta mañá ás persoas maiores de Bertamiráns. A programación continua ao longo do venres, sábado e domingo. Na actualidade, queda algunha entrada solta para as sesións da Gala Máxica Internacional, en Bertamiráns, que poden adquirirse a través da Billeteira electrónica. Para os obradoiros de maxia quedan algunhas prazas dispoñibles. Os interesados en participar que se acheguen polas Casas da Cultura.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, acollerá durante a primeira semana de novembro dous relatorios sobre como evitar fraudes no comercio electrónico. As persoas participantes recibirán instrucións sobre como comprar e vender en liña de xeito seguro e sorteando estafas. Ditos relatorios realizaranse o luns 2 de novembro no salón de plenos da Casa da Concello, en Bertamiráns, e o martes 3 de novembro no Centro Multifuncional do Milladoiro. Ambas actividades serán ás 19.30 horas. Estas actividades enmárcanse no acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL).

O programa Apego continúa a súa programación habitual para as pequenas e pequenos do concello durante os últimos meses do ano. Esta vez, a actividade que está por desenvolverse é o espectáculo Contos para caghar patatillas, de Brais das Hortas. Trátase dunha proposta chea de contos, música, humor, efectos especiais e participación do público. A través de todos estes recursos, os contos falan da valentía, e de que non é valente que non ten medo, senón quen é capaz de enfrontarse a el. Esta actividade, que é de balde, e que está dirixida a familias con crianzas de 3 anos en adiante, celebrarase o venres 30 de outubro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, xoves 22 de outubro, ata o vindeiro día 29 de outubro.

A Xuntanza de Empresarios de Ames, coa colaboración do Concello de Ames, organiza a sexta edición do concurso de fotografía Enfoca Ames, quen ten como obxectivo fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos de Ames. As persoas participantes deberán presentar unha fotografía que recolla o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do noso concello. Admítese unha fotografía por cada unha das tres categorías existentes. A participación no concurso é gratuíta. O prazo de entrega das imaxes remata o 4 de novembro de 2026. As fotografías teñen que ser enviadas xunto coa ficha de inscrición por correo electrónico ao enderezo enfocames@gmail.com. Podes consultar as bases completas do Enfoca Ames 2026 na seguinte ligazón.

O Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado, organiza un novo curso de inglés básico para maiores. O curso desenvolverase en Bertamiráns e está dirixido a persoas maiores que non teñan ningún tipo de formación en lingua inglesa. As clases comezarán o 27 de outubro e serán impartidas por unha profesora voluntaria. Serán os martes, en horario de 12.00 a 13.00 horas na Casa dos Maiores. Para participar, hai que enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal ou a través do teléfono 662 377 044.

A aula CeMIT, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, amplía a súa oferta formativa e organiza novos cursos en materia de habilidades dixitais para adultos de cara aos meses de novembro e decembro. Ofértanse un total de 14 prazas para cada un dos novos cursos, e para poder participar é necesario estar dado de alta na rede do CEMIT. Para os máis cativos, as formacións continúan ata decembro con cursos de informática para nenos/as e mecanografía para rapaces e rapazas.

A Escola de Karate Dokkodo regresou de Oviedo con cinco medallas de bronce trala participación do XLVIII Trofeo Internacional Princesa de Asturias, celebrado o pasado sábado, 17 de outubro, no polideportivo Corredoria Arena. A competición reuniu preto de 500 deportistas de case 50 clubs, procedentes de diferentes comunidades autónomas e de Portugal.

A Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro e a Asociación de Dano Cerebral de Santiago de Compostela organizan para o sábado, 24 de outubro, a primeira edición da Marcha Prevención do Dano Cerebral, na que cada donativo será unha axuda real para que a Asociación de Dano Cerebral de Santiago de Compostela poida ampliar as súas instalacións. Nesta iniciativa solidaria colaboran os Concellos de Ames e Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña. A andaina discorrerá entre O Milladoiro e Santiago de Compostela. A ruta transcorre maioritariamente por terreo chan ou con lixeira pendente descendente. Os organizadores recomendan levar calzado cómodo para terreos irregulares, xa que pode haber algúns tramos húmidos. As inscricións poden tramitarse ata o 23 de outubro. Premendo nesta ligazón podes acceder á páxina web onde realizar as inscricións.

O Concello de Ames pon en marcha por noveno ano consecutivo os Premios Lingua e Empresa, co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Poderán optar a este recoñecemento todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que presenten a súa candidatura antes do 20 de novembro. A dotación económica dos dous premios que se outorgan en cada unha das dúas categorías é de 1.500 euros. Un total de 75 empresas presentáronse a este certame nas oito edicións anteriores, das cales 18 foron premiadas. Premendo nestas ligazóns pódense descargar as bases do concurso e a ficha de participación.
- ‹ anterior
- 4 de 715
- seguinte ›




