Actualidade

Ex., 26-10-2026
Ex., 26-10-2026
Sábado, 17 de outubro de 2026
Imaxe do proxecto do parque de Pardiñeiros

O Concello de Ames recibirá un total de 3.887.804,75 euros da Deputación da Coruña a través do Plan Único de Concellos (POS+) 2026, sumando o plan principal e as achegas adicionais aprobadas ao longo do ano. A última achega, correspondente ao POS+ Adicional 4/2026, ascende a 569.317,42 euros e eleva o financiamento provincial global para Ames ata case 3,9 millóns de euros.

Sábado, 17 de outubro de 2026
Participa no programa para a mellora da calidade do sono, incluído no plan municipal de saúde mental

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción da Saúde, organiza un programa grupal para a mellora da calidade do sono, un dos piares fundamentais para o noso benestar físico e emocional. O programa impartirase desde o 26 de outubro ata o 14 de decembro no Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns. Hai 20 prazas dispoñibles e podes realizar a inscrición a través da seguinte ligazón. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 21 de outubro. Terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Ames. No caso de haber máis inscricións que prazas ofertadas, adxudicaranse por sorteo.

Venres, 16 de outubro de 2026
Ames impulsa o comercio e ás celebracións locais cun novo contrato integral de iluminación ornamental para o Nadal e as festas patronais

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar este xoves, 15 de outubro, a adxudicación do novo contrato de subministro en réxime de arrendamento de iluminación ornamental e servizos de montaxe, mantemento, desmontaxe e legalización das instalacións eléctricas de baixa tensión e de todos os compoñentes necesarios para as festas patronais e festas de Nadal do concello de Ames. Dito contrato, que foi adxudicado á empresa Iluminaciones Santiaguesas, conta cun orzamento de 353.320 euros (IVE incluído). O contrato terá unha duración de tres anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluído período inicial e prórrogas).

Venres, 16 de outubro de 2026
Imaxe da carreira pedestre de 2025

Este domingo, 18 de outubro, celebrarase a vixésimo quinta edición da Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames. Esta proba contará cun circuíto homologado pola Real Federación Española de Atletismo, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo. O circuíto da proba absoluta estará debidamente sinalizado e contará con indicacións en cada quilómetro. Nesta edición hai inscritas 1.203 persoas (arredor de 521 nas categorías absoluta e sub-18, mentres que nas categorías escolares hai 682 rapaces e rapazas inscritos). Os dorsais poden retirarse na Casa do Concello o sábado, 17 de outubro, en horario das 17:00 ás 20:00 horas, ou o mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Premendo nesta ligazón pódese consultar o regulamento ao completo e os horarios da XXV Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames.

Xoves, 15 de outubro de 2026
Preséntanse os proxectos gañadores do concurso de ideas para construír 140 novas vivendas no Milladoiro

O alcalde de Ames, Blas García, acompañou hoxe á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, no acto de presentación dos proxectos gañadores do concurso de ideas para as novas 140 vivendas que se van construír en Ames. Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, deu a coñecer hoxe nun acto na Cidade da Cultura o fallo deste concurso convocado coa colaboración do Colexio de Arquitectos de Galicia para o deseño destas futuras promocións que se construirán en solo cedido polo Concello de Ames. En total, o valor estimado do concurso e dos contratos vinculados ao mesmo ascende a 1,4M€.

Xoves, 15 de outubro de 2026
20 compañías realizan residencias artísticas en Ames desde 2023

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, leva desde 2023 ofrecendo o programa de residencias artísticas para que os creadores, creadoras e compañías profesionais desenvolvan as súas liñas de traballo nos ámbitos das artes escénicas. A través desta iniciativa trátase de apoiar a creación artística do tecido profesional e empresarial. En 2023 realizouse a primeira solicitude e desde ese ano ata a actualidade atendéronse un total de 20 solicitudes. Durante este ano 2026, tres compañías xa fixeron uso deste programa: Ibuprofeno Teatro, Marta Alonso Tejada e Producións Teatrais Excéntricas. Ademais, Teatro do Noroeste ensaiará o seu novo espectáculo Vento Mareiro non dá voltas do 23 ao 28 de novembro.

Xoves, 15 de outubro de 2026
O programa Enreguéifate ofrece un obradoiro dirixido a profesorado como primeira actividade da súa décima edición

O Enreguéifate dá comezo ás actividades da súa décima edición cun obradoiro para docentes que queiran descubrir o valor da regueifa como ferramenta didáctica. A sesión terá lugar o venres 23 de outubro, de 16:30 a 20:30 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra. A formación require inscrición previa a través do formulario de inscrición. A Baña e Narón súmanse este ano aos Concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo para impulsar este proxecto de dinamización lingüística que pon en valor a regueifa, unha das expresións da poesía popular oral.

Mércores, 14 de outubro de 2026
Blas García presenta a estratexia alimentaria de Ames nun webinario sobre alimentación e Axenda Urbana

O alcalde de Ames, Blas García, participou este mércores, 14 de outubro, no webinario «Alimentación y Agenda Urbana: del papel a la acción», organizado pola Rede de Municipios pola Agroecoloxía en colaboración co equipo URBACT. Na súa intervención compartiu a experiencia municipal na conexión entre a produción de proximidade, os comedores escolares e a planificación urbana. O rexedor municipal explicou como o PAI «Conecta Ames» reúne o futuro mercado municipal de Bertamiráns, a recuperación de terras para a produción ecolóxica e a formación de persoas produtoras, cun investimento previsto de arredor de 3,8 millóns de euros. Preme aquí para consultar a presentación sobre a estratexia alimentaria de Ames.

Mércores, 14 de outubro de 2026
O punto Limpo de Ames rexistrou un total de 870 entradas ao longo do pasado mes de setembro

O centro de depósito de residuos do Concello de Ames rexistrou un total de 870 entradas durante o pasado mes de setembro. O Punto Limpo do Milladoiro, situado na rúa das Hedras, rexistrou 848 usuarios/as, mentres que o Punto Limpo Móbil contabilizou 22 usuarios/as. Trátase dun importante servizo en materia medio ambiental, que pode empregarse para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais. Durante o mes de setembro destaca a achega de 5.362 quilos de mestura de formigón, ladrillo e outros materiais; e 5.316 quilos de madeira.

Mércores, 14 de outubro de 2026
Mister e Miss RNB Galicia chega a Bertamiráns para escoller aos catro representantes de cada categoría de cara ao certame nacional

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o vindeiro sábado, 7 de novembro, as galas finais Mister e Miss RNB Galicia 2026. As entradas xa están á venda na páxina web do certame, e a apertura de portas do auditorio da Casa da Cultura será media hora antes do comezo de cada gala. Con estas galas, escolleranse aos catro representantes, un por cada provincia galega, para representar a Galicia no concurso nacional Miss e Mister RNB España 2027. A gala masculina será ás 16.30h, mentres que a feminina comezará ás 19.30 horas.