Actualidade

Ex., 06-11-2026
Ex., 06-11-2026
Luns, 18 de maio de 2026
A Concellaría de Benestar Social organiza unha excursión á cidade da Coruña para o xoves 28 de maio

A Concellaría de Benestar Social, a través da Oficina do Voluntariado de Ames, organiza unha nova excursión para o vindeiro xoves 28 de maio. Desta volta o destino é a cidade da Coruña, onde se visitará a Domus e o Aquarium. Esta actividade está dirixida a persoas maiores de 60 anos e que estean empadroadas en Ames. As inscrición pódense realizar ata o 25 de maio, chamando en horario de 10.00 a 13.00 horas, aos números de teléfono 981 53 59 41 ou 981 89 09 64. O prezo da excursión é de 5 euros por persoa e non inclúe xantar.

Sábado, 02 de maio de 2026
O Concello de Ames organiza o venres 8 de maio unha charla sobre a regularización extraordinaria de inmigrantes

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, organiza para o venres 8 de maio, ás 12.00 horas, unha charla no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro sobre a regularización extraordinaria de inmigrantes 2026 en España. As solicitudes pódense presentar desde o 16 de abril ata o 30 de xuño de 2026, permitindo obter un permiso de residencia. Dita charla será impartida polas asesoras xurídicas do departamento de Benestar Social e polo técnico municipal de migración. A través deste proceso regularización pódese obter o permiso de residencia e traballo.

Sábado, 25 de abril de 2026
A Oficina de Voluntariado de Ames volve lanzar unha campaña de recollida de enseres para bebés

A Concellaría de Benestar Social, a través da Oficina de Voluntariado de Ames, vén de lanzar unha nova campaña, neste caso para recoller enseres para bebés. O obxectivo principal é tratar de recoller produtos infantís como berces, carriños de paseo, tronas, cueiros e cadeiras infantís. As persoas que desexen participar poden facer as súas doazóns nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 10.00 a 13.00 horas.

Luns, 13 de abril de 2026
Chega a Ames a fotógrafa e artista Angélica Dass co seu proxecto "Museo Migrante Migrante en Movemento"

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Voluntariado, colabora con Cidalia no impulso do proxecto Museo Migrante Migrante en Movemento, unha iniciativa creada e dirixida pola artista visual Angélica Dass, que entende a migración coma unha condición inherente á experiencia humana. MMM recolle historias de movemento a través de obxectos, retratos e relatos. A migración enténdese como unha parte esencial da experiencia humana. Angélica Dass está en Ames ao longo desta semana impartindo obradoiros de memoria e fotografía nos IES de Ames, en Bertamiráns, e no IES do Milladoiro. O venres 17 de abril, ás 18.30 horas, impartirase na Casa da Cultura do Milladoiro a conferencia “A Historia Viva de Ames. Museo das inMigrantes”. Durante as actividades entregaranse exemplares do xornal A Historia Viva de Ames. Museo das inMigrantes, elaborado en 2020.

Xoves, 09 de abril de 2026
O Museo Migrante Migrante en Movemento, da fotógrafa e artista Angélica Dass, fai parada en Ames do 13 ao 17 de abril

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Voluntariado, colabora con Cidalia no impulso do proxecto Museo Migrante Migrante en Movemento, unha iniciativa creada e dirixida pola artista visual Angélica Dass, que entende a migración coma unha condición inherente á experiencia humana. MMM recolle historias de movemento a través de obxectos, retratos e relatos. A migración enténdese como unha parte esencial da experiencia humana. Angélica Dass estará en Ames o luns 13 e o xoves 16 de abril impartindo obradoiros de memoria e fotografía nos IES de Ames, en  Bertamiráns, e no IES do Milladoiro.  O venres 17 de abril, ás 18.30 horas, impartirase na Casa da Cultura do Milladoiro a conferencia “A Historia Viva de Ames. Museo das inMigrantes”.

Mércores, 08 de abril de 2026
Comeza a terceira edición do ciclo “Abril, mes da saúde en Bugallido” cun relatorio sobre a doazón de medula ósea

A Asociación Veciñal de Bugallido, en colaboración co Centro Cultural A Maía e a Asociación Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, impulsa a terceira edición do Ciclo de xornadas sobre a saúde, baixo o lema “Abril, mes da saúde en Bugallido”, reafirmando así a continuidade e consolidación dunha iniciativa que ano tras ano medra en interese e participación.

Luns, 06 de abril de 2026
Xuntanza da nova directiva de Jupemi con alcalde e a concelleira de servizos sociais

A Asociación de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro (JUPEMI) vén de renovar a súa directiva, abrindo unha nova etapa centrada en reforzar a participación e ampliar a oferta de actividades dirixidas ás persoas maiores. A nova executiva mantivo xa unha primeira reunión institucional co alcalde de Ames, Blas García, e coa concelleira de Servizos Sociais, Uxía García, na Casa dos Maiores do Milladoiro.

Domingo, 29 de marzo de 2026
“Non perdas este bus. Lévate ao Son do Camiño”, nova campaña de doazón de sangue en Ames

A unidade móbil de doazón de sangue estará este luns, 30 de marzo, no Milladoiro, na Travesía do Porto, ao carón do novo centro de saúde. O horario de atención será de 9.30 a 14.30 e de 15:30 a 21:00 horas. A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) baixo o lema “Non perdas este bus. Lévate ao Son do Camiño”, pretende sensibilizar á cidadanía galega da importancia de doar sangue xa que precísanse máis de 400 doazóns diarias nos hospitais galegos.

Martes, 24 de marzo de 2026
Quedan prazas dispoñibles para que a veciñanza de Ames se inscriba na excursión a Braga dos días 18 e 19 de abril

A Oficina de Voluntariado de Ames, dependente da Concellaría de Benestar Social, organiza unha excursión a Portugal para os días 18 e 19 de abril. Para esta actividade aínda quedan prazas dispoñibles e ábrese a toda a veciñanza que queira participar. Durante dúas xornadas visitarase a cidade de Braga, Bom Xesús, Vilanova de Cerveira e A Fortaleza. O custo da actividade é de 140 euros e inclúe desprazamento, seguro de viaxe, guías turísticos, hotel, almorzos, xantares e cea. Para participar nesta excursión hai que inscribirse previamente chamando aos número de teléfono 981 89 09 64 / 981 53 59 41 das Unidades Municipais de Servizos Sociais de Bertamiráns e do Milladoiro.

Mércores, 18 de marzo de 2026
A Oficina de Voluntariado organiza unha excursión a Braga para os días 18 e 19 de abril

A Oficina de Voluntariado de Ames, dependente da Concellaría de Benestar Social, organiza unha nova excursión a Portugal os días 18 e 19 de abril. A actividade está dirixida ás persoas que participan no programa Amessán. Durante dúas xornadas visitarase a cidade de Braga, Bom Xesús, Vilanova de Cerveira e A Fortaleza. A inscrición poderase tramitar de forma presencial este venres, 20 de marzo, de 12.00 a 14.00 horas, nas Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono 662 377 044  ou 630 693 404. O custo da actividade é de 140 euros e inclúe desprazamento, seguro de viaxe, guías turísticos, hotel, almorzos, xantares e cea.