Actualidade

Ex., 01-11-2026
Ex., 01-11-2026
Sábado, 27 de xuño de 2026
Ames engalana o concello coas cores do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Igualdade, conmemora esta fin de semana o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, que como cada ano se celebra o 28 de xuño. Deste xeito, onte arrancaron as actividades na explanada do pavillón municipal de Bertamiráns, con obradoiros, unha festa Holi Party e a entrega do premio do Concurso Fotográfico LGTBIQ+ ao seu gañador, Sergio Martínez Calvo. No día de hoxe continuarán as celebracións no Paseo da Igualdade do Milladoiro. Tanto O Milladoiro como Bertamiráns foron decorados co lema da campaña “Ames a quen Ames faino con orgullo”, e tamén se colocaron testos con flores coas cores da bandeira LGTBIQ+. Premendo nesta ligazón podes ler o manifesto institucional do Concello de Ames.

Martes, 23 de xuño de 2026
Sergio Martínez Calvo gaña a terceira edición do concurso fotográfico LGTBIQ+

Sergio Martínez Calvo, veciño de Vilagarcía de Arousa, é o gañador da terceira edición do concurso fotográfico LGTBIQ+, que se enmarca na campaña “Ames a quen ames faino con orgullo”. Nesta edición do concurso participaron 4 persoas. O obxectivo do certame, que organizou a Concellaría de Benestar Social e Igualdade, é a loita contra a discriminación e promover a igualdade e a diversidades con respecto á comunidade LGTBIQ+. O premio do concurso será entregado este venres 26 de xuño, ás 21.00 horas, durante o acto de conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, que se vai celebrar na explanada do pavillón de Bertamiráns. Tamén haberá actividades durante a tarde do sábado no Paseo da Igualdade, no Milladoiro.

Sábado, 20 de xuño de 2026
“Un alento de vida”, nova campaña de doazón de sangue no Milladoiro

A unidade móbil de doazón de sangue estará este luns, 22 de xuño, no Milladoiro, na Travesía do Porto, ao carón do novo centro de saúde. O horario de atención será de 9.30 a 14.30 e de 15:30 a 21:00 horas. A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) baixo o lema “Un alento de vida”, pretende sensibilizar á cidadanía galega da importancia de doar sangue durante o verán xa que precísanse máis de 400 doazóns diarias nos hospitais galegos.

Luns, 15 de xuño de 2026
O CEIP Agro do Muíño presenta o proxecto de mediación artística “Paredes que escoitan, paredes que falan”

O CEIP Agro do Muíño desenvolveu o proxecto de mediación artística e creación mural contextual “Paredes que escoitan, paredes que falan”, impulsado polo Concello de Ames, a través da Concellería de Igualdade, e dirixido por 7H Cooperativa Cultural en colaboración coa artista urbana Nana. Esta iniciativa foise construíndo entre os meses de febreiro e xuño, coa vontade de crear referentes femininas vencelladas á historia local. A idea é realizar novos proxectos coma este noutros centros educativos do concello. 

Martes, 09 de xuño de 2026
Arranca a terceira edición do concurso fotográfico LGTBIQ+ que se enmarca na campaña “Ames a quen ames faino con orgullo”

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, organiza a terceira edición do concurso fotográfico LGTBIQ+, que se enmarca dentro da campaña “Ames a quen ames faino con orgullo”. O obxectivo é a loita contra a discriminación e promover a igualdade e a diversidades con respecto á comunidade LGTBIQ+. O prazo de entrega das fotografías vai do 10 ao 19 de xuño. Permítese unha participación por persoa, que debe ser enviada xunto co seu número de teléfono, e os seus datos persoais ao enderezo de correo electrónico servizos_sociaisberta@concellodeames.org. A inscrición é gratuíta. Descarga as bases do certame fotográfico. O acto de conmemoración do día LGTBIQ+ celebrarase o venres 26 de xuño.

Mércores, 03 de xuño de 2026
O Banco de Reciclaxe Electrónico do Milladoiro organiza un taller de posta a punto, reciclaxe e instalación do teu computador

O Banco Municipal de Reciclaxe Electrónica do Milladoiro imparte o sábado, 6 de xuño, un taller de posta a punto, reciclaxe e instalación do teu computador. Nesta actividade  explicarase o funcionamento dun computador e axudaráselle aos usuarios/as a instalarlle un sistema operativo libre se o necesita. O obradoiro impartirase no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8, de 11:30 a 13:00 horas. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón.

Martes, 02 de xuño de 2026
Carmen Vázquez, a veciña máis lonxeva de Ames, cumpre 104 anos

Esta mañá, o alcalde de Ames, Blas García, desprazouse ata Agrón para visitar e felicitar a Carmen, que este martes, 2 de xuño, celebrou o seu 104 aniversario rodeada do cariño da súa familia e das persoas máis achegadas. Blas García desexoulle un feliz aniversario e apuntou a  Agrón como a parroquia que “garda o segredo da lonxevidade”.

Martes, 26 de maio de 2026
O Concello de Ames e AGAMUDI estudan vías de colaboración para a inclusión social

O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Benestar Social, Uxía García, reuníronse na mañá de hoxe con representantes de AGAMUDI (Asociación Galega de Mundos Diversos), unha asociación de familias con fillos e fillas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento que buscan un lugar onde socializar, aprender e desenvolver a súa autonomía de maneira segura. Nesa comitiva estiveron presentes a súa presidenta, Katya Rodríguez, o seu tesoureiro, Anxo Rodríguez, e unha das traballadoras do proxecto EVA, Cristina Sánchez.

Martes, 26 de maio de 2026
“Non perdas este bus. Lévate ao Son do Camiño”, nova campaña de doazón de sangue no Milladoiro e Bertamiráns

A unidade móbil de doazón de sangue estará esta semana no Milladoiro e Bertamiráns. O mércores, 27 de maio, estará na Travesía do Porto, no Milladoiro, en horario de 9.30 a 14.30 e de 15:30 a 21:00 horas; mentres que o venres, 29 de maio, estará na praza da Maía de Bertamiráns, en horario de tarde, de 15:30 a 21:00 horas. A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) baixo o lema “Non perdas este bus. Lévate ao Son do Camiño”, pretende sensibilizar á cidadanía galega da importancia de doar sangue xa que precísanse máis de 400 doazóns diarias nos hospitais galegos.

Martes, 19 de maio de 2026
A poeta de Ames, Filomena Fraga, é centenaria

Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, xunto á concelleira de Benestar Social, Uxía García, visitou a poeta de Ames, Filomena Fraga, que cumpriu 100 anos hoxe martes 19 de maio. Filomena é veciña de Agrón e autora da obra A Cancela, publicada por primeira vez en 1995 e reeditada polo Concello de Ames en 2006. Filomena Fraga foi a primeira muller e a segunda persoa en recibir no ano 2019 a medalla do Concello de Ames. Ademais, en 2018 foi homenaxeada polo Concello de Ames no acto de conmemoración do Día Internacional das Mulleres, por ser exemplo vivo e un referente na loita pola igualdade.