Solapas principales

Os/as gañadores/as da pasada edición de Galetiktokers animan á mocidade a participar no certame

Domingo, 25 de octubre de 2026

O certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, celebrará este ano a súa sétima edición, co obxectivo de estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e visibilizar a comunidade galega na rede social TikTok. Deste xeito, calquera persoa a partir dos 13 anos poderá participar enviando o seu vídeo en galego ata o 30 de outubro, xunto coa ficha de participación, ao enderezo electrónico galetiktokers26@gmail.com. Haberá seis premios de 300 euros cada un, que se repartirán nunha gala que terá lugar o sábado 21 novembro de 2026. Premendo nesta ligazón pódense consultar o folleto informativo do VII Certame Galetiktokers.

O prazo de inscrición aínda está aberto ata o 30 de outubro, e dende o Concello anímase a todas as persoas a participar e a presentar o seu vídeo con contido en galego. A través das redes sociais do Concello de Ames e de Xuventude Ames, os gañadores da pasada edición do certame están a chamar á participación difundindo vídeos nos que comparten a súa propia experiencia e alentan aos participantes a perder a vergoña e a atreverse cos Galetiktokers 2026.

Gañadores da pasada edición
Candela Lola Battiato Miñones, autora da peza Pena da Moura; Irene Vázquez Calviño, Martín Vázquez Pérez e María Mato Vilar, con De onde veñen as cantigas?; e Antía López Castro e Yolanda Casás Fuentes con Ata os monstros falan (e cantan) en galego; son algunhas das gañadoras e gañadores do certame o pasado ano 2025.

Este ano, transmiten o seu ánimo a todos aqueles que pensen en participar e comparten todas as cousas positivas que lles trouxo participar no certame de Galetiktokers. E fano do mellor xeito que saben, a través de pequenos vídeos que se están a difundir nas redes sociais do Concello de Ames.

Categorías, premios e xurado
O certame Galetiktokers volve abrir as súas portas a todas as franxas de idade. Deste xeito, poden participar mozos e mozas a partir dos 13 anos, repartidos en dúas categorías en función da idade. A primeira categoría inclúe á rapazada dos 13 aos 17 anos (ambas as idades incluídas) e a segunda engloba ás persoas a partir dos 18 anos, sen límite de idade. Ao igual que en edicións anteriores, pode participar calquera persoa, sen ter que ser veciño ou veciña do concello.

De novo, o certame repartirá un total de seis premios de 300 euros, tres por cada categoría. Catro dos premios decidiraos un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais, mentres que os outros dous serán escollidos polo público. Para determinar os premios do público medirase o alcance dos vídeos e os dous que acaden un maior alcance serán os gañadores. Deste xeito, en cada categoría repartiranse tres galardóns: dous do xurado e un do público.

O xurado valorará o atractivo das pezas no seu conxunto, tanto na forma como no contido, tendo en conta a orixinalidade, a creatividade, a calidade visual e sonora, e a calidade lingüística.

Características e condicións dos vídeos
Os vídeos creados para a sexta edición de Galetiktokers teñen que estar en lingua galega e deben ser de creación propia, empregando a aplicación TikTok ou a sección Reels de Instagram, cunha duración da peza audiovisual de entre 15 e 60 segundos. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical.

A temática é libre, polo que poderán presentarse no concurso pezas relacionadas coa música, co humor, o baile, coa interpretación, co deporte ou con calquera outro tema. Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

Inscrición e prazos do certame
Para participar no certame, é preciso enviar ao enderezo electrónico galetiktokers26@gmail.com a ficha de participación cuberta e asinada, ademais do propio vídeo que se presenta no concurso. O prazo de inscrición rematará o 30 de outubro de 2026. A organización comprobará que se cumpren os requisitos e validará a inscrición a través dun correo de confirmación.

Premio do público: vídeos con maior alcance ou máis virais
Nesta edición, a principal diferencia é que para outorgar o premio do público medirase o alcance de cada vídeo (gústame, interaccións, etc). Deste xeito, os dous vídeos con maior computo de alcance ou máis virais serán os que leven o premio do público.

Todos os vídeos admitidos publicaranse ás 11.00 horas do día 4 de novembro no perfil de Instagram de Xuventude Ames Xa! (@xuventudeames), co cancelo #galetiktokers. Os premios do público concederánselle aos vídeos que acaden un maior alcance en dito perfil. O computo do alcance farase o 6 de novembro ás 11.00 horas e medirá o alcance acumulado por cada un dos vídeos desde as 11.00h do 4 de novembro.

O Concello de Ames reserva o dereito de empregar os vídeos participantes na promoción do proxecto Galetiktokers en calquera das súas edicións. As pezas, así como o seu título e autoría, faranse públicas. Os datos persoais facilitados polas persoas participantes terán como única finalidade a participación no certame e procederase á súa eliminación unha vez se resolva esta convocatoria.

Xornadas de formación nos centros de ensino secundario
Como actividade complementaria da celebración do certame, desenvolvéronse dúas xornadas de formación nos centros de ensino secundario de Ames, co obxectivo de explicar e achegarlle ao alumnado o contido do concurso, dar a coñecer a creadoras e creadores de contido en galego en TikTok, e motivar a creatividade entre a mocidade.

A formación impartiuse durante este mes de outubro e correu a cargo do creador de contido e tiktoker Miguel Barbazán Lesta, @miguelblesta, un dos gañadores do certame no ano 2024, e que impartiu estes obradoiros no IES do Milladoiro e no IES de Ames.

Os/as gañadores/as da pasada edición de Galetiktokers animan á mocidade a participar no certame

Multimedia

  • Os/as gañadores/as da pasada edición de Galetiktokers animan á mocidade a participar no certame