- Tematica
Esta mañá presentouse a programación de actividades de Amessán para o curso 2026-2027. Desde o 5 de outubro impartiranse clases de 9 actividades nas parroquias de Agrón, Augapesada, Ameixenda, Bertamiráns, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Milladoiro, Oca, Piñeiro, Trasmonte e Tarroeira. As inscricións poderán facerse en liña (50% das prazas dispoñibles), desde as 9.00 horas do xoves 17 ata as 21.00 horas do venres 18 de setembro a través deste formulario, ou de xeito presencial (o 50% das prazas restantes) o martes 22 e o mércores 23 de setembro no Centro Social do Milladoiro e o xoves 24 venres 25 de setembro na Casa dos Maiores de Bertamiráns.
Chega un novo curso para o programa Amessán que, desta volta, segue mantendo dúas novas propostas do curso anterior: calma e serenidade e canta troula. As parroquias de Agrón, Augapesada, Ameixenda, Bertamiráns, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Milladoiro, Oca, Piñeiro, Trasmonte e Tarroeira acollerán nos seus centros sociais un total de 9 actividades divididas en varios grupos.
Á presentación desta edición acudiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Benestar Social, Uxía García; o responsable da Oficina de Voluntariado, Rubén Ramos; e Raquel Santalla, representante da empresa Esproade, concesionaria do servizo.
O alcalde, Blas García, sinalou que “o programa Amessán é un dos máis antigos do noso concello, mais tamén dos mais relevantes. Esta iniciativa é moi importante porque nos permite atender, axudar e acompañar ás nosas persoas maiores. Ademais, combina saúde, cultura, acompañamento e comunidade, algo fundamental para poder previr a soidade á que se expón a xente maior do noso concello”. O rexedor indicou que con este programa “chegamos a 8 parroquias de maneira directa, 10 núcleos de poboación e tamén aos 2 núcleos principais, Milladoiro e Bertamiráns. O programa Amessán é, sen dúbida, moi destacable, xa que non é común que exista noutros concellos da contorna”.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, fixo fincapé en que “este é un programa no que ademais de facer actividades, a finalidade é a de socialización e a cohesión entre os nosos maiores”. A edil destacou que “intentamos dar cabida tanto á zona rural como á zona urbana” e mencionou que “imos iniciar este ano cunha nova preinscrición, non só presencial, senón tamén dixital mediante un formulario, que agardamos que nos sirva para non crear tanta cola nos procesos de anotamento”. Por último, García recordou que “este ano non se necesitará achegar o padrón municipal”.
Pola súa banda, o responsable da Oficina de Voluntariado, Rubén Ramos, mencionou que “a preinscrición dixital estará dispoñible os días 17 e 18 de setembro, mais tamén continuaremos coas preinscricións presenciais xa que moitas persoas maiores ou con algunha discapacidade prefiren facelo deste xeito”. O técnico municipal indicou que “dentro de todas as actividades presentaremos algunha novidade, polo que quero animar a todos os veciños e veciñas nesa idade de 60 anos en diante a que se apunten. Para moitas persoas, no inverno é algo difícil socializar”.
Por último, a representante de Esproade, Raquel Santalla, recalcou que “non hai ningunha prioridade entre as inscricións físicas e as inscricións online” e tamén recordou que “preinscribirse non significa estar apuntados directamente. Se sobran prazas nas inscricións en liña trasladaranse ás inscricións físicas”.
Actividades do programa Amessán 2026-2027
As actividades impartidas este curso serán ximnasia, fío e agulla, memoria, bailoterapia, pandeireta, musicoterapia, canta troula, manualidades e calma e serenidade. As sedes serán os centros sociais das parroquias de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Piñeiro, Milladoiro, Bertamiráns, Covas, Tarroeira, Trasmonte, Cruxeiras e Oca.
Amessán é unha iniciativa destinada para as persoas maiores de 60 anos e as persoas cunha enfermidade crónica e/ou inhabilitadora, que conten cun informe dos Servizos Públicos de Saúde (que poidan realizar a actividade de forma independente).
As inscricións poderán facerse en liña a través deste formulario e tamén poden realizarse de xeito presencial no Centro Social do Milladoiro (os días 22 e 23 de setembro); ou na Casa dos Maiores de Bertamiráns (o 24 e 25 de setembro). O horario de atención en ámbalas dúas localizacións será de 16:00 a 20:00 horas. Para inscribirse non será preciso acredita o empadroamento cun volante, será comprobado polos propios servizos municipais. Os interesados poden obter máis información a través do correo electrónico voluntariado@concellodeames.gal.
As prazas iranse cubrindo por orde de inscrición, e haberá un número mínimo de persoas para crear grupos de cada actividade. Cada persoa poderá anotar a un máximo de 2 participantes (incluída ela mesma). Poderase facer unha inscrición nun máximo de 3 actividades (sen contabilizar musicoterapia e guitarra).










