Solapas principales

Novos cursos da aula CeMIT para os meses de outubro e novembro

Domingo, 13 de septiembre de 2026

A aula CeMIT retomou xa o seu horario habitual e, coa volta a rutina, tamén organizan para estes derradeiros meses do ano novos cursos de formación para adultos e menores de idade en horarios de mañá e de tarde. Os cursos estarán dirixidos á mellora de habilidades dixitais, para os adultos, e á introdución no mundo dixital aos máis cativos. Para poder participar en calquera dos cursos é necesario estar dado de alta na rede do CEMIT. Para as actividades anunciadas no mes de xullo, poderase solicitar praza en lista de agarda por se houbese baixas de última hora. Ademais, abriuse o prazo para solicitar a inscrición nas probas ComDix de invel intermedio, que se celebrarán no mes de outubro nas aulas CeMIT.

O primeiro dos cursos para adultos é “Crea o teu CV a medida!”, unha formación na que se ensinará a realizar un bo currículo orientado a satisfacer as necesidades na busca de emprego. Abordarase o proceso completo desde a creación dunha autoanálise para decidir que poñer no CV ata o momento de escribir unha carta de presentación a unha empresa. O curso levarase a cabo os luns e mércores, de 17.15 a 18.45 horas, desde o 5 ata o 15 de outubro. 

A partir do 19 de outubro e ata o 11 de novembro, desenvolverase “Deseño e Impresión 3D”. Os luns e mércores, de 17.16 a 18.45, o público adulto aprenderá a materializar obxectos creados no ordenador. Modelaranse pequenos obxectos tridimensionais con ferramentas web accesibles, descubriranse recursos útiles neste ámbito e coñeceranse as bases da impresión 3D.

Ademais destes dous cursos, os usuarios e usuarias que así o desexen poderán anotarse na lista de agarda para dous dos cursos iniciados no mes de setembro. Estes son “Iniciación á informática”, impartido os martes e xoves, de 10.00 a 12.00 horas; e “Introdución á Administración electrónica”, con clases os luns e mércores, de 17.15 a 18.45 horas. 

Cursos para menores
En canto aos cativos e cativas, estes teñen a posibilidade de anotarse aínda no curso de “Mecanografía para nenos/as menores de 10 anos”, que se imparte os xoves, de 17.00 a 18.00, ata o 17 de decembro. Ademais, os rapaces e rapazas que así o desexen poderán apuntarse nas listas de agarda dos cursos “Informática para nenos – Nivel básico (de 7 a 10 anos)”, que se desenvolve os martes, de 17.15 a 18.45 horas; e “Mecanografía para rapaces/as maiores de 10 anos”, impartido os xoves, de 18.00 a 19.00 horas. 

Probas ComDix
Recentemente foi aberto o prazo para solicitar a inscrición nas probas ComDix de nivel intermedio, que se celebrarán en outubro nas aulas CeMIT. Soamente se poderá presentar unha solicitude de inscrición por persoa participante, sendo excluídos automaticamente aquelas persoas solicitantes que figuren inscritas en máis dunha localidade ou horario dunha mesma edición. O venres, 11 de setembro, pechará o prazo para elixir a convocatoria. Para máis información preme na seguinte ligazón.

Novos cursos da aula CeMIT para os meses de outubro e novembro

Multimedia

  • Novos cursos da aula CeMIT para os meses de outubro e novembro