Pestanas principais

Alumnado do IES do Milladoiro participou na xornada “Olimpíada: Trocando Linguas” organizada pola USC

Martes, 07 de maio de 2024

O pasado xoves, 2 de maio, alumnado e profesorado do IES do Milladoiro participou na “Olimpíada: Trocando Linguas” celebrada na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Durante a xornada, amosaron os resultados da investigacións que levaron a cabo sobre os repertorios lingüísticos familiares e a diversidade lingüística dos diferentes concellos, co obxectivo de intercambiar experiencias lingüísticas interxeracionais e reflexionar sobre os contextos multilingües actuais. O evento pódese visualizar na canle de YouTube da USC premendo nesta ligazón.

No marco das actividades do proxecto de investigación I+D+I EquilinGalicia: Espacios de transformación sociolingüística en el contexto educativo gallego: agencia de los hablantes, repertorios multilingües y prácticas (meta)comunicativas, o estudantado dos centros educativos IES do Milladoiro (Ames), IES Manuel Murguía (Arteixo),  e IES Perdouro (Burela) realizaron unha investigación colaborativa sobre os repertorios lingüísticos familiares e a diversidade lingüística dos diferentes concellos. A finalidade deste proxecto é propiciar o intercambio de experiencias lingüísticas interxeracionais e reflexionar sobre a intermediación lingüística nos contextos multilingües actuais.

Os resultados desta investigación amosáronse no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía, o pasado xoves 2 de maio, con retransmisión en vivo. No acto estiveron presentes o Decano da Facultade de Filoloxía, Elías Feijo Torres, e integrantes da comunidade académica da Facultade.

Un proxecto de investigación colaborativa
O estudantado, acompañado polas docentes: Patricia Calviño, Cathia Capelán, Valentina Formoso, Mª Jesús Mourín, Bernardo Penabade e Teresa Seara; xunto coas investigadoras da USC, María Caamaño Rojo, Marta Estévez Grossi, Gabriela Prego Vázquez e Luz Zas Varela, desenvolveron un minucioso traballo etnográfico en diferentes fases e con diversas actividades tales como xogos lingüísticos, dramatizacións, entrevistas na rúa e faladoiros coas persoas maiores.

Estas actividades seguiron a metodoloxía da  “ciencia cidadá”, orientada á comprensión da vida social e da presenza das linguas nos diferentes espazos públicos que nos rodean na vida cotiá; neste caso, a diversidade lingüística dos diferentes centros educativos e concellos de Galiza.

Un grupo de persoas con traxectorias migratorias e repertorios lingüísticos diversos coordinados por Pitusa Vaamonde, educadora-animadora social da Concellería de Maiores, Asuntos Sociais e Participación Cidadá do Concello de Arteixo, colaboraron na investigación e nas diversas accións cidadás na rúa.

As investigacións realizadas polos centros pasarán a formar parte do Atlas Virtual para a Educación Lingüística na Superdiversidade.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Estudantes amienses investigan os repertorios lingüísticos familiares e dos diferentes concellos"

Alumnado do IES do Milladoiro participou na xornada “Olimpíada: Trocando Linguas” organizada pola USC

Multimedia

  • Alumnado do IES do Milladoiro participou na xornada “Olimpíada: Trocando Linguas” organizada pola USC
  • Alumnado do IES do Milladoiro participou na xornada “Olimpíada: Trocando Linguas” organizada pola USC
  • Alumnado do IES do Milladoiro participou na xornada “Olimpíada: Trocando Linguas” organizada pola USC
  • Alumnado do IES do Milladoiro participou na xornada “Olimpíada: Trocando Linguas” organizada pola USC