Pestanas principais

Departamento de Normalización Lingüística

    • Enderezo: Pazo da Peregrina. Avenida de Azcárraga, nº 5, Bertamiráns. 15220 Ames.
    • Teléfono:  662 37 72 15
    • Horario de atención ao público: de 9:00 - 14:00 h
    • Responsable municipal: Concellaría de Normalización Lingüística
    • Responsable técnico: Rosa Moreiras Cuñarro, técnica de normalización lingüística
    • Obxectivo principal do servizo:
      • Incrementar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os ámbitos municipais
Outros Datos: 
  • Funcións:
    • Asesorar e colaborar coa planificación lingüística do Concello de Ames
    • Promover actuacións para aumentar o uso do galego no ámbito municipal, de acordo coa normativa vixente, e entre a veciñanza
    • Contribuír á formación lingüística da veciñanza e do persoal municipal
    • Mellorar a calidade lingüística e comunicativa do Concello de Ames
    • Informar e asesorar sobre dereitos lingüísticos da veciñanza e deberes lingüísticos municipais
    • Asesorar sobre cuestións lingüísticas á veciñanza e ao persoal municipal

Novas do departamento

Un total de 40 alumnos e alumnas dos institutos amesáns participan nas xornadas de formación que inauguran unha nova edición do Club de Debate. Nestas xornadas, os e as participantes reciben formación en habilidades comunicativas, documentación, argumentación e técnicas de refutación. A primeira xornada impartiuse o 16 de xaneiro, no Pazo da Cultura de Pontevedra; a segunda realizouse o 17 de xaneiro, no edificio multiusos de Rois; e a terceira e última tivo lugar hoxe, 18 de xaneiro, en Ferrol.

O pasado 28 de maio rematou o prazo de inscricións para o certame Enreguéifate. De 42 vídeos presentados, 4 deles chegaban dende Ames. Chegaban tamén dende Baio, Cambre, Caldas de Reis, Santiago, Vigo, Mondoñedo, Rianxo, Pontevedra, Moaña, Malpica de Bergantiños, Ponteareas e Tordoia. Todas as regueifas está dispoñibles na súa páxina web e na canle de Youtube. Os vídeos premiados desta edición anunciaranse antes do 22 de xuño a través das redes sociais do Enreguéifate.

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, organizou o pasado sábado, 17 de febreiro, unha ruta por algúns dos lugares emblemáticos da vida e da obra de Rosalía de Castro con motivo da conmemoración do aniversario da autora. A excursión, na que participaron cincuenta persoas, estivo dirixida pola profesora e experta rosaliana María López Sández, e rematou na Casa-Museo da escritora, en Padrón.

O Concello de Ames e a Secretaria Xeral de Política Lingüística organizan unhas xornadas de toponimia dirixidas ao profesorado dos centros de ensino do Concello de Ames. Trátase dunha iniciativa que busca o achegamento, a posta en valor e o aproveitamento dos nomes de lugar como recurso educativo e ferramenta de dinamización lingüística. Desenvolveranse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, os días 18, 19 e 30 de setembro, en horario de 16.30 a 20.30 horas. Nestas xornadas participarán 50 persoas, na súa maioría docentes. Inicialmente ofertábanse 40 prazas pero, dada a demanda existente, decidiuse incrementalas ata 50 para darlle cabida a todas as persoas interesadas.

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organizou un ano máis os Premios Lingua e Empresa, que promoven o uso da lingua galega no ámbito empresarial local. Nesta ocasión triplicouse a participación con respecto a edicións anteriores, e foron 26 as empresas de distintos lugares do municipio que se presentaron a esta convocatoria. A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este sábado, 17 de decembro, ás 19.00 horas, a Gala Lingua e Empresa onde se darán a coñecer as dúas empresas gañadoras nesta quinta edición do certame. Os dous premios están dotados de 1.500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza un ano máis os Premios Lingua e Empresa, que promoven o uso da lingua galega no ámbito empresarial local. Nesta ocasión, incrementou en sete o número de empresas participantes con respecto á edición anterior. Deste xeito, nesta edición presentáronse 33 empresas, mentres que na edición de 2022 foron 26 entidades as que concorreron aos ditos Premios. As empresas gañadoras desta edición daranse a coñecer na Gala Lingua e Empresa que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro este xoves, 9 de novembro, ás 20.30 horas. Os premios están dotados de 1500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.

Este venres, 9 de xuño, celebrouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a gala de entrega de premios do XX Certame Literario Concello de Ames, un acto literario-musical no que participaron os 18 gañadores nas modalidades de poesía e de narrativa. O evento conduciuno Josito Porto con moito dinamismo, humor e emoción. Da parte musical encargouse o propio Josito Porto, acompañado por Sabela Dacal e Rafa Otero, e o os grupos de Linguaxe Musical e o Combo Folk da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) que abriron e pecharon o acto.

Patrocinado pola Deputación da Coruña e posto en marcha por Xandobela, o certame “Xoga en galego” está dirixido ao público infantil e familiar e pretende enriquecer o patrimonio de xogos en galego con novas creacións que xurdan da imaxinación e da creatividade da rapazada galega. O certame ponse en marcha coa idea de ampliar a oferta de recursos lúdicos en galego e de sumar aos xogos tradicionais do país, herdados dos nosos antergos, alternativas novas e acaídas aos tempos e aos gustos actuais. A Concellaría de Normalización Lingüística anima as familias amesás a participar.

O Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames en colaboración cos equipos de normalización e dinamización da lingua galega dos centros educativos desenvolveu durante os meses de maio e xuño o programa Fálame co obxectivo central de achegar referentes lúdicos que favorezan a socialización en lingua galega da xente máis nova. Esta iniciativa estivo dirixida ao alumnado e ao profesorado dos centros educativos de infantil e primaria do Concello de Ames e nela participaron mais de 1800 alumnas e alumnos do CEIP Agro do Muíño, EEI O Milladoiro, CEP de Ventín, CEIP A Maía, CEIP de Barouta e as dúas escolas unitarias de Covas e Ortoño.

O Pleno aprobou por unanimidade este mércores, 7 de febreiro, a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2024” da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames disporá de 979.500,37 euros (551.672,62€ da achega provincial 2024 e 427.827,75 euros da achega de 2023) para executar novos investimentos nas parroquias de Biduído, Ames, Ameixenda e nos núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns. No Plan complementario de 2024 recóllese unha partida de 2.711.703.05 euros para investimentos financeiramente sostibles nas parroquias de Ortoño, Ames, Bugallido, Trasmonte, Covas, Piñeiro e Biduído. Ademais dentro do POS+ Adicional 1/2024 contémplanse 157.620,75 euros para o financiamento de gastos sociais extraordinarios. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

Eventos del departamento

A primeira actividade do ano do programa Apego de Ames terá lugar este sábado 5 de febreiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18:00 horas. Dirixido ao público infantil e familiar, “Consertasso na horta” é un espectáculo musical cheo de humor, que combina xéneros de todo tipo (trap, punk, reggae, ska...) con produtos da horta, como froitas e verduras. Brais da Horta promete risas, emocións e alegría mesturando estilos musicais. As inscricións, de balde, poden realizarse ata o xoves 3 de febreiro, enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal.

O programa Apego propón para o 21 de abril a actividade "Contos en familia", da man de Cris de Caldas e Xabi do Camiño. O obradoiro terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18:00 horas. Dirixido a un público familiar, o taller abarcará contos, música e a presentación de libros esenciais para tratar temas claves na crianza. É un menú de conto pensado para achegar aos participantes á lectura infantil e para compartir experiencias e inquedanzas. Os interesados en participar deben inscribirse, dende o 13 ata o 20 de abril, enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos dos asistentes, un teléfono de contacto e as idades das crianzas. 

Continúa a programación do programa Apego cunha nova actividade a cargo de Pavís Pavós. Desta volta, organízase o contacontos “Este queixo queixolán” que se vai a realizar este xoves 11 de maio na Casa da Cultura do Milladoiro ás 18.00 horas.  As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique nome, apelidos, idades dos rapaces/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2023 pode consultarse premendo nesta ligazón.

Xa está aberto o prazo para inscribirse en “Fíos do querer”, unha nova proposta do Apego de Ames para familias con nenas e nenos dos 0 aos 4 anos. Cé Orquestra Pantasma presenta un espectáculo musical participativo, tecido con agullas de amor, lingua, aloumiños e das primeiras experiencias compartidas. Será o próximo venres 18, con dúas sesións ás 17:00 e ás 18:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. As persoas interesadas en asistir poden anotarse dende o 10 ata o 17 de febreiro, enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que indiquen nome e apelidos das asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas.

O programa Apego volve en marzo cunha nova actividade, "Foliada con Apego", da man do trío Os sacapuntos, composto por Roberto Comesaña, Xabier Iglesias e Montse Rivera, que ofrecerán un encontro cheo de música galega para que os máis cativos compartan, canten, bailen e aprendan cancións. Trátase dunha iniciativa dirixida ao público familiar, que terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e os interesados en anotarse deben enviar un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal entre os días 2 e 9 de marzo, indicando nome, apelidos, idade dos nenos/as que van participar e un número de teléfono de contacto.   

“Galego, vida e ciencia” é o titulo deste encontro no que Ángel Carracedo (catedrático en Medicina Legal, experto en Xenética e divulgador científico) falará entre outras cousas do papel da lingua na vida e na ciencia. Será ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, nun novo encontro coas familias do programa Apego.

A actividade está dirixida a público familiar e é de balde.

Precísase inscrición previa, do 3 ao 10 de novembro, enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal.

"Lixo" é un espectáculo para crianzas a partir de 2 anos da compañía O Baúl da Tía Lola, no que dúas bailadeiras mergulladas nun mar de lixo descubrirannos xogos e mundos extraordinarios nos que se crea cultura a partir da varredura. Un xeito divertido de ver os problemas que pode ocasionar o uso excesivo do plástico. Será o venres 3 de xuño na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. As inscricións para esta actividade de balde do programa Apego poderán realizarse do 25 de maio ao 2 de xuño, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

O Departamento de Normalización Lingüística organiza unha sesión de contos con Celso Sanmartín centrada no medo, e precisamente, en perderlle medo ao medo, dentro do programa Apego de Ames. Será na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 18.00 horas, para público familiar. A asistencia é de balde, mais cómpre realizar unha inscrición previa, dispoñible dende o 28 de outubro ata o 4 de novembro, enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, indicando nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e teléfono de contacto.

Dende o 13 ata o 21 de decembro está aberto o prazo para inscribirse en "Música Miúda: En concerto!", un espectáculo musical en directo para toda a familia, no que irán da man a lingua coa igualdade, a diversidade e a inclusión. O concerto, parte do programa Apego de Ames, será na Casa da Cultura de Bertamiráns, o mércores 22 de decembro ás 18:00 horas. As persoas interesadas en asistir poden anotarse enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen.

O programa Apego achega a Ames diversas actividades para os máis cativos durante o mes de febreiro. A primeira delas, "Nube, nube, sol", de Teatro ó Cubo, celebrarase na Casa da Cultura de Bertamiráns o venres 3 de febreiro, ás 18:00 horas. Nela, a rapazada achegarase á maxia da natureza e á importancia da choiva a través do corpo, do xesto, do canto e da música. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 26 de xaneiro e o 2 de febreiro, enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome, apelidos, idade dos nenos/as e un teléfono de contacto.