Pestanas principais

A Casa do Concello acolleu a presentación da proba de Ames na Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT

Luns, 27 de xaneiro de 2020

Onte, domingo 26 de xaneiro, levouse a cabo a primeira das probas da Liga galaica de 3 horas de Resistencia BTT en Noia. Agora, é a quenda da proba de Ames, que se desenvolverá este domingo 2 de febreiro en Bertamiráns. A presentación de dita proba tivo lugar hoxe no Salón de Plenos do Concello coa presencia da concelleira de Deportes, Susana Señorís, o representante do club organizador Esfola Arrós, Jorge Pérez, e o técnico municipal de deportes, Alberto Viaño. As inscricións poden formalizarse a través deste enlace.

O Salón de Plenos da Casa do Concello de Ames foi o escenario escollido para a presentación da proba OEA de Bertamiráns, encadrada dentro da Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT. A liga está organizada polos clubs ciclistas Os Esfola Arrós (Ames), O Toxo (Noia) e Baikers do Vilán (Camariñas), en colaboración cos Concellos de Ames, Camariñas e Noia. Está formada por tres probas, que se rexeran por un mesmo regulamento, e que teñen dispoñibles 400 prazas. As inscricións teñen un prezo de 15 € por participante individual, 24 € para as persoas que participen en parella e 30 € para as que o fagan en tríos.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, comezou a súa intervención na presentación  agradecendo aos clubs organizadores e aos concellos colaboradores por levar a cabo esta Liga, explicando que “este ano vai a ser o segundo ano que se vai desenvolver unha proba destas características en Ames, xa que o ano pasado este mesmo club celebrou a primeira edición acadando máis de 240 participantes, polo que salientar como novidade que este ano o evento se convertera nunha Liga”. E engadiu que “agardo que o tempo acompañe para desfrutar dunha mañá cun circuíto pensado e deseñado para que participantes e público coñezan de preto o que son 3 horas de resistencia BTT”. Ademais, reiterou os seus agradecementos á brigada de obras, Policía Local e Protección Civil xa que “coa súa colaboración é todo moito máis doado” e que dende a concellería seguiran apostando por promover e dar visibilidade a todas aquelas disciplinas que fomenten o deporte e a vida saudable.

Pola súa banda Jorge Pérez, representante do club Os Esfola Arrós, comezou tamén agradecendo “a colaboración que temos dende fai preto de seis anos coas diferentes probas que estivemos organizando, tanto a Transgalaica como esta nova proba de Resistencia 3 horas BTT”. Tamén explicou que con esta Liga preténdese o “reunir os esforzos de tres clubs e tres concellos, e facer que haxa unha participación mais elevada a nivel galego e ir medrando pouco a pouco”. Recalcou que xa se conta con 150 participantes e que, tendo en conta que as inscricións rematan o mércores, esperan chegar aos 250 inscritos.

A primeira das probas celebrada en Noia deixou varios podios
A primeira das probas desta Liga Galaica de 3 horas de Resistenciaa BTT tivo lugar onte, domingo 26 de xaneiro, en Noia. O Circuíto Ría de Noia, que tivo un percorrido de aproximadamente 5,5 quilómetros e un desnivel positivo acumulado por volta de 100 metros, deixou varios triunfos para os Esfola Arrós.

Desta maneira, destacar o terceiro posto de Nacho Casal na categoría Junior individual, o terceiro posto en parellas mixto de Francisco Lueiro e Verónica Iglesias, e o triunfo na categoría xeral da parella composta por Uxío Canosa e Jorge Pérez.

O Circuíto OEA desenvolverase o 2 de febreiro en Bertamiráns
O domingo 2 de febreiro desenvolverase a segunda proba da Liga en Bertamiráns, co Circuíto OEA. Será un circuíto semiurbano, de aproximadamente 6 quilómetros e 90 metros de desnivel, cuxo epicentro se situará no paseo do Rego de Ameneiral. A inscrición para esta segunda proba da Liga estará dispoñible ata o próximo mércores 28 de xaneiro.

O circuíto de Camariña será o encargado de finalizar a Liga, que terá lugar o domingo 16 de febreiro ao longo dunha senda peonil dende a vila de Camariñas ata o faro de Cabo Vilán. Haberá premios para os mellores clasificados/as nas tres probas das que consta a Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT. A inscrición para esta última proba abrirase o próximo luns 3 ou o martes 4 de febreiro.

Regulamento e premios
O regulamento será igual para as tres carreiras e haberá premios para os mellores clasificados/as de cada unha das probas, así como premios especiais para os/as gañadores/as da Liga. Así, haberá premios individuais para os tres primeiros clasificados, masculinos e femininos, nas categorías: xeral, xuvenil (2004-2001), sénior (2000-1991), veteranos A (1990-1981), veteranos B (1980-1971) e veteranos C (1970-1951); así como premios aos tres primeiros nas categorías de relevos de 2 e de 3 persoas nas categorías masculina, feminina e mixta. A Liga conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través de Deporte Galego, da Deputación Provincial da Coruña e de Rótulos Orixinal Imaxe.

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Todo listo para a proba de Ames na Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT"

La Voz de Galicia: "El Circuíto da Caramiña de la Liga Galaica de Resistencia BTT ya tiene cartel"

Presentación da  proba de Ames na Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT

Multimedia

  •  Proba de Ames na Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT
  •  Proba de Ames na Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT