Pestanas principais

>XIV Carreira Ciclista do Pavo

Domingo, 12 decembro, 2021
A partir das 11.00 horas

Tras un ano de parón por mor da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19, Bertamiráns acolle unha nova edición da tradicional carreira ciclista do pavo este domingo, 12 de decembro.

As actividades comezarán ás 11:00 horas, cunha xincana para a cativada, mentres que a proba ciclista iniciarase ás 12:00 horas. Ao remate da carreira, realizarase unha homenaxe ao ciclista galego, Gustavo César Veloso, que este ano pon fin a súa traxectoria profesional e que participará no evento.

As persoas participantes terán que dar unhas vinte voltas ao circuíto, duns 1.600 metros de lonxitude, se así as condicións meteorolóxicas o permiten. No inicio das voltas 5, 10 e 15, realizarase un sprint especial ao paso por meta, para repartir premios de Nadal entre os/as gañadores/as.

As persoas que xa estean federadas xa poden inscribirse na proba a través da web da Federación Galega de Ciclismo, ou ben esperar ata a xornada de celebración da carreira, ás 11:00 horas, cando poderán facer a súa inscrición de maneira presencial. No caso de non estar federado, cómpre enviar datos persoais ao enderezo electrónico begoalonso@mundo-r.com, antes do 10 de decembro ás 14:00 horas.