Pestanas principais

> Apego: Visita do Apalpador

Venres, 17 decembro, 2021
ás 17:00 horas

Dende o 9 ata o 16 de decembro está aberto o prazo para inscribirse na visita do Apalpador ao concello de Ames, acompañado dos contos e cantos do narrador Anxo Moure. O evento terá lugar no patio do Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o venres 17 de decembro, cunha primeira sesión programada para as 17:00 horas. As persoas interesadas en asistir ao encontro poden anotarse enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen. A medida que se vaian completando as prazas, habilitaranse máis sesións para que todas as familias poidan participar.

O Apalpador é unha figura mítica da tradición galega ligada á celebración do Nadal, recollida nas testemuñas orais de varias comarcas do leste de Lugo e Ourense, e que vive un proceso de recuperación en toda Galicia dende comezos de século. Nesta ocasión chega a Ames cargado de contos e cantos, e cun agasallo sorpresa que levarán para as súas casas as nenas e nenos que o visiten. Ademais, recollerá as cartas que a rapazada lle queira deixar. A actividade será no patio do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, polo que se recomenda que as familias acudan á cita con roupa de abrigo.