Pestanas principais

>Teatro: "A lingua das bolboretas"

Venres, 9 abril, 2021
Ás 20.30 horas.

O venres 9 de abril, ás 20.30 horas, a veciñanza de Ames poderá desfrutar desta obra teatral no Milladoiro. A peza, da man da compañía Sarabela Teatro, mestura dous libros de Manuel Rivas: A lingua das bolboretas, a tráxica historia dun neno do rural galego e o seu mestre republicano na Guerra Civil, e A traxectoria do balón, un conto no que se inclúe o universo feminino. Esta obra está dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

O espectador será testemuña do proceso de aprendizaxe que emprende o protagonista da man do mestre da escola (unha figura que simboliza a liberdade que xera o coñecemento da realidade e o respecto cara o próximo) e é testemuña tamén da traxedia que supuxo vivir con medo, do cru impacto que xera o estalido dunha guerra civil.

Sarabela vai un paso máis aló e decide mesturar con A lingua das bolboretas o conto de Rivas, A traxectoria do balón. Deste xeito, inclúese na trama o universo feminino, a importancia da muller na historia e a problemática da violencia de xénero.

As entradas para os eventos culturais pódense mercar na Billeteira electrónica. A entrada xeral ten un prezo de 5 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2,5 euros. As entradas para asistir a ditos espectáculos tamén se poden adquirir nas Casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo (de haber entradas dispoñibles).

Coa finalidade de facilitar a asistencia aos espectáculos e potenciar a participación establécese un prezo reducido do 50% do custo ordinario da entrada a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos, a persoas menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos e mozas co carné xove e a persoas demandantes de emprego (no control de accesos dos auditorios poderá solicitarse a documentación acreditativa da idade).