Pestanas principais

>Tapia Swinway

Sábado, 21 setembro, 2019
Ás 11.00 horas

O Concello de Ames e o Club de Natación Cidade de Santiago organizan este sábado, 21 de setembro, a Tapia Swinway, unha nova iniciativa deportiva que pon en marcha a Concellaría de Deportes.

A travesía a nado contará con tres probas: unha de 1200 metros, con saída e chegada na mesma posición, tendo que realizar dúas veces un percorrido de 600 metros dividido en dous tramos de 300 metros; unha de 1800 metros, tendo que realizar tres veces o mesmo percorrido; e unha remuda de 4x600 metros, na que cada equipo de relevo debe estar composto por dous participantes de categoría infantil ou inferior e dous participantes de categoría júnior ou superior. Haberá un total de cinco categorías: alevín, infantil, júnior, absoluto e máster, e trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría.

A proba inicial, de 1.200 metros, comezará ás 11:00 horas. Unha vez remate, sobre as 11:45 horas, desenvolverase a de 1.800 metros, deixando as remudas 4x600 para o final da mañá, que terá lugar sobre as 13:00 horas. As diferentes probas rexeranse pola normativa da Federación Española de Natación e, durante a celebración do evento, a organización contará coa cobertura acuática necesaria para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento da proba. A primeira edición da Tapia Swinway contará coa colaboración do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e da Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames.