Pestanas principais

>Presentación de "O latexo dunha aula infantil" de Ángeles e Isabel Abelleira

Xoves, 12 decembro, 2019
Ás 18.00 horas

Terá lugar ás 18.00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Nesta obra fixan os dez eixos temáticos a abordar nesta etapa educativa, vinculando sempre a súa cotiandade coa escola. Que os pequenos descubran quen son e como son, que fan, que coidan, que pasa ao seu redor, que comen, que os (con)move, que poden achegar á comunidade e cara a onde van. Preguntas básicas, elementais pero non simples, pois son as que se fai calquera persoa adulta cando quere explicarse ante si mesma ou ante os outros. Así, nesta publicación recóllense máis dun cento de latexos (experiencias de vida) organizados baixo epígrafes que fan referencia ao coñecemento dun mesmo desde distintas facetas: como individuos, como persoas, como familiares, como cidadáns, como consumidores ou como activistas culturais, ambientais e sociais.

Estas dúas irmáns amesás  contan no seu haber con varios premios de innovación educativa a nivel autonómico (2001-2003), o premio Mestre Mateo (2011) ás súas colaboracións educativas no ámbito audiovisual; o premio  Francisco Giner de los Ríos á mellora da calidade educativa (2012); foron seleccionadas para representar a España polo ciclo 3-6 na I Rede Iberoamericana de Innovación Educativa en Educación Infantil (2014); e foron finalistas autonómicas para o premio Acción Magistral (2015) convocado pola FAD. En 2016 concédeselle o premio Marta Mata de Pedagoxía polo libro “Os fíos de infantil”, que foi publicado en catalán, castelán, galego e portugués brasileiro. Ademais desempeñaron funcións na administración educativa relacionadas coa formación permanente, a ordenación e innovación educativa, así como a dirección de centros educativos. Colaboran habitualmente en actividades de formación do profesorado, así como con proxectos editoriais e con publicacións especializadas en educación infantil.