Pestanas principais

> Presentación da colección de libros "Lemos +6"

Sábado, 20 maio, 2023
Ás 12:00 horas

O sábado, día 20 de maio, a biblioteca de Bertamiráns acollerá a presentación da colección de libros inclusivos "Lemos +6", que estará presentada pola súa escritora, Susana Peix. Será ás 12:00 horas. Trátase dun evento que se celebra con motivo do 35 aniversario de Cumio Editorial, e que conta coa colaboración da librará amesá Lenda. A entrada é libre e de balde ata completar aforo. 

“Lemos +6” conta xa con oito títulos publicados, tanto en galego como en castelán e en catalán. O obxectivo da colección é que non haxa ningún neno nin ningunha nena que non poida gozar do pracer dunha boa lectura, polo que a accesibilidade é un dos puntos chave de todas as obras que a compoñen. 

As historias da colección son contos pensados para todos os públicos, e están escritos cunha serie de características que facilitan a lectura, como unha tipografía de 20 puntos ou unha xustificación en banda á esquerda que facilita o paso dunha liña a outra. Estes recursos, sumados a outros como empregar fondos claros e lisos para que exista un contraste de cor, facilitan a lectura a nenos con dislexia, con baixa visión...

Por outra banda, as ilustracións xogan tamén un papel fundamental, ao estar pensadas para reforzar o texto. Así, os ilustradores e ilustradoras buscan que o seu traballo axude á comprensión lectora, describindo en imaxes o que sucede no texto.

Non só o continente dos libros é accesible, senón que o contido tamén é unha defensa activa da diversidade. Todas as aventuras que forman parte de “Lemos +6” están repletas de valores como a amizade, o altruísmo, a perseveranza ou a solidariedade.