Pestanas principais

> Feira de voluntariado e Encontro intercultural

Sábado, 1 outubro, 2022
De 10.00 a 19.00 horas

Volve a Feira do voluntariado de Ames e este ano con máis forza se cabe xa que inclúe dentro da súa programación a celebración do Encontro intercultural de Ames. A Feira desenvolverase no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, en horario de 10.00 a 19.00 horas. Comezará co acto de inauguración a cargo da directora xeral de voluntariado e representantes municipais. Ao longo do día haberá un amplo abano de actividades: mesa redonda, charla-coloquio, xogos, mostra fotográfica, actuación musical, etc. Participarán 15 asociacións de voluntariado da comarca. O Encontro intercultural celebrarase de 14.00 a 16.00 horas, coincidindo co horario do xantar. Poderanse degustar pratos típicos de diferentes nacionalidades. Haberá servizo de autobús de balde desde o Milladoiro. Para poder utilizalo é necesario reservar praza no teléfono 662 377 004.

O sábado, 1 de outubro, o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acollerá a segunda edición da Feira de voluntariado de Ames, que este ano tamén inclúe dentro da súa programación o Encontro intercultural. Este ano o lema de dita Feira é “Sementando voluntariado”. O obxectivo é que este evento sexa un punto de encontro e para compartir experiencias entre as diferentes entidades que participan e tamén con aquelas persoas que se acheguen ao Pazo da Peregrina. Participarán 15 asociacións de voluntariado que traballan en diferentes ámbitos colmo son o sanitario, cooperación internacional, inmigración, etc.

A Feira do voluntariado comezará ás 10.00 horas co acto de inauguración que contará coa presenza da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e representantes municipais. Ás 12.00 horas realizarase unha mesa redonda baixo o lema "A miña experiencia como voluntario/a". Trátase dunha mesa de intercambio de experiencias sobre voluntariado no que participarán diversas entidades. Ata o 28 de setembro o persoal das asociacións que queira participar nesta actividade aínda está a  tempo de inscribirse. Teñen que achegar nome, apelidos e o papel que ten desenvolvido coma voluntario/a. Para elo teñen que poñerse en contacto coa Oficina do Voluntariado de Ames a través do número de teléfono 662 377 044 ou enviando un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal.

Encontro intercultural
Entre as 14.00 e as 16.00 horas realizarase o Encontro intercultural que tamén se celebrará no Pazo da Peregrina. Veciños e veciñas de Ames que son nativas de países como Brasil, México, Guatemala, Venezuela, Guinea Ecuatorial, Ghana, Marrocos, Alxeria, Ucraína,  Timor Oriental, Colombia e algún outro, cociñarán pratos típicos de ditos países que poderán ser degustados por todos e todas. Trátase de coñecer a cultura gastronómica destas persoas que de xeito desinteresado prepararán diferentes produtos típicos dos seus países de procedencia.

Programación de tarde da Feira
Pola tarde a programación comezará ás 16:00 horas co xogo "Non pases palabra" que impartirá o persoal da asociación Solidariedade Internacional de Galicia. De seguido, ás 17:00 horas poderase ver a exposición fotográfica "Olladas desde a inmigración" e tamén se impartirá unha charla coloquio a cargo do persoal da Asociación de Migrantes de Galicia. Ademais, ao longo de toda a xornada desenvolverase unha actividade de xogos tradicionais denominada "Facendo tribu", que tamén impartirá o persoal da Asociación de Migrantes de Galicia. Ás 19:00 horas farase a clausura e despedida da Feira e haberá unha actuación musical como peche do evento.

Multimedia