Pestanas principais

> Gala de entrega de premios do III Certame Galetiktokers

Sábado, 5 novembro, 2022
Ás 19:00 horas

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este sábado 5 de novembro, ás 19:00 horas, a gala de entrega de premios do certame Galetiktokers, unha iniciativa da Concellaría de Mocidade e de Normalización Lingüística que se pon en marcha por terceiro ano consecutivo e que ten como obxectivo fomentar a creatividade da rapazada e animar a empregar o galego a través das redes sociais e das novas canles de comunicación. Nesta edición, o evento contará coa actuación da cantante Pauliña, e participarán tamén as integrantes do xurado: a comunicadora audiovisual Noelia Francisco Lens, e a tiktoker Sara Seco Rial.

Os premios do concurso Galetiktokers suman este ano un total de 1.800 euros, repartidos en dúas categorías. A primeira engloba aos mozos de entre 13 e 16 anos, mentres que a segunda é para maiores de 17. Haberá seis vídeos gañadores en total, tres por modalidade. Deses seis galardóns, catro son outorgados polo xurado que valorou a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística. Os outros dous premios decidiunos o público a través dunha votación na conta de Instagram da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).