Pestanas principais

> Encontros literarios: Alfonso Pexegueiro

Xoves, 19 xaneiro, 2023
Ás 20:00 horas

O segundo dos encontros literarios organizados pola bibliotecas municipais de Ames neste ano 2023 será con Alfonso Pexegueiro, este xoves, 19 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Pexegueiro estará acompañado polo tamén autor Alfredo Conde, así como por Estrela Gómez Viñas, que será a encargada do acompañamento musical ao violín. A presentadora do evento será a concelleira de Cultura, Natividade González. 

A obra presentada será “Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes”, que relata como se constrúe un conto ao estilo dun xogo de dados que se asenta no azar. Como todo conto baséase nos soños, na imaxinación e achéganos a un mundo máxico e convídanos a soñar. Trátase dun libro escrito para ler amodo e volver a ler unha e outra vez, unha obra na que Alfonso Pexegueiro nos deleita coa su experiencia vital a través dun maxistral conto, con música incluída.

O autor iniciou a súa actividade literaria en Galicia no ano 1975 como fundador do Grupo Rompente. Entre 1976 e 1978 traballou na redacción da revista infantil e xuvenil Vagalume. Fundou en 1980 xunto con outros escritores a Asociación de Escritores en Lingua Galega da que foi secretario ata xuño de 1985. Como secretario da AELG coordinou a revista Escrita e impulsou o I Congreso de Escritores en Lingua Galega, así como o Galeusca. Ademais, colaborou en prensa con artigos de opinión, e sobre arte e literatura.

É autor de numerosas obras en galego e castelán. Ademais, faino tocando distintos xéneros como a narrativa, a poesía e o teatro. Pexegueiro gañou o Premio da Crítica de Galicia en 1978 por “Mar e naufraxio” ou o Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de teatro de 2014, por “Lapsus”.