Pestanas principais

> Debate electoral

Martes, 16 maio, 2023
Ás 19:00 horas

Seis das sete forzas políticas que concorren ás eleccións municipais do próximo 28 de maio daranse cita no debate electoral que Ames Radio organiza o martes, 16 de maio, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. As cabezas de lista e candidatas a alcaldía de Ames, Blas García (PSdeG – PSOE); Oliva Agra (Partido Popular); David Santomil (BNG); Vanessa Vidal (Podemos); Luísa Feijóo (Espazo Común); e Andres Pena (VOX), confirmaron a súa presenza nun debate que será retransmitido por Ames Radio e tamén en streaming a través da canle de Youtube do Concello de Ames e da páxina web da radio. O debate será aberto ao público en xeral.

O debate estará estruturado en seis bloques. No primeiro e último, as cabezas de lista de cada formación terán un minuto de intervención para unha exposición inicial e unha final.

Na parte central do debate, abordaranse catro áreas: unha primeira sobre Economía e Emprego; unha segunda sobre Educación e Cultura; unha terceira que tratará sobre Servizos Sociais e Saúde; e unha última sobre Obras, Servizos e Infraestruturas. Os/as candidatos e candidatas contarán cun tempo de dous minutos para a exposición e debate de cada temática.