Pestanas principais

> Concerto: Los Jinetes del Trópico

Sábado, 18 decembro, 2021
ás 20:00 horas

A Concellaría de Mocidade organiza unha sesión de música en directo do grupo galego Los Jinetes del Trópico, que terá lugar o vindeiro sábado 18 de decembro, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A banda presentará ao público amesá temas do seu disco debut, “Cabalgando pola ría”, no que mesturan ritmos tropicais con música latinoamericana, como o reggaeton ou a cumbia. Xa se poden reservar os convites a través da billeteira electrónica do Concello de Ames.

O grupo Los Jinetes del Trópico formouse no ano 2015 en Monforte de Lemos, coa xuntanza de tres músicos con experiencia na música tradicional galega. Co obxectivo inicial de combinar a tradición musical galega coa verbena, a formación foi evolucionando, incorporando novos ritmos e experimentando coa fusión con xéneros tan dispares como a cumbia, o reggaeton, o punk, o ska ou o reggae.

En 2020 lanzan o seu álbum debut, “Cabalgando pola ría”, un proxecto de dez cancións co que percorren salas de toda Galicia. Os tres integrantes do grupo son Ninico, na percusión; Toñyto García, co trombón e voces, e Porri Rodríguez, tamén vocalista.

A banda chega a Ames con máis de 300 concertos en 5 anos, e con experiencia en festas, festivais como o Atlantic Fest ou As Revenidas, e mesmo en televisión, xa que veñen de participar no concurso “Got talent” na súa edición de 2021.

Os convites para o evento, de balde, xa se poden reservar a través da billeteira electrónica do Concello de Ames.