Pestanas principais

> Cinema: "A virxe roxa"

Mércores, 20 abril, 2022
ás 20:00 horas

O Ciclo Mestre Mateo continúa en abril cunha nova proxección, nesta ocasión co filme gañador na categoría de mellor documental nos XX Premios Mestre Mateo, “A virxe roxa”. A película conta a historia da morte de Hildegart Rodríguez, unha nena prodixio da política dos anos 30, criada pola súa nai Aurora Rodríguez como un experimento de muller intelectual, e que a asasinou con 18 anos ao ver que se distanciaba dela. Será o mércores 20 de abril, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“A virxe roxa” fainos viaxar a xuño de 1933, cando un suceso conmociona á España republicana da época. Unha das figuras intelectuais máis prometedoras e precoces do país, Hildegart Rodríguez, fora asasinada mentres durmía pola súa nai, Aurora Rodríguez. Hildergart era o proxecto científico da súa nai, que buscou dende o seu nacemento moldeala e transformala nunha “muller do futuro”. Deste xeito, antes de morrer aos 18 anos, Hildegart xa era avogada e estudaba dúas carreiras máis; publicara quince libros sobre materias como a sexoloxía, e era unha comprometida militante política.

A historia de Hildegart e da súa nai Aurora, que cumpriu condena ingresada nun centro psiquiátrico ata a súa morte en 1955, serviu de inspiración e foi recollida en numerosas obras literarias e cinematográficas. Algúns exemplos destas creacións son “A miña filla Hildegart”, un filme dirixido por Fernando Fernán Gómez estreado en 1977, ou “La madre de Frankenstein”, unha das últimas novelas da escritora Almudena Grandes, publicada en 2020.