Axenda
O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames organiza un obradoiro para a rapazada a partir de 3º de Primaria, "O meu caderno de lecturas". Celebrarase na biblioteca do Milladoiro o venres 25 de outubro, ás 17:00 horas, e na biblioteca de Bertamiráns o sábado 26, ás 11:30 horas. As inscricións están abertas dende o 14 ata o 22 de outubro, chamando aos números 981 53 08 07 / 981 88 48 29 ou escribindo ao enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal.
A Gala máxica internacional farase o sábado 26 e mailo domingo 27 de outubro. Como nos últimos anos haberá catro pases debido á gran demanda que ten este espectáculo entre a veciñanza amesá. A Gala estará presentada polo mago Migue e participarán os magos Nacho Samena (Galicia), Ramó & Alegría (Cataluña), Bruno Tarnecci (Perú) e Néstor Hato (Francia). Así, o sábado 26 realizarase o espectáculo Experiencia Máxica na Casa da Cultura do Milladoiro, mentres que o domingo 27 de outubro desenvolverase o espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ambos días a primeira función será ás 17:00h e a segunda ás 19:30 horas.
Outra das actividades que se realizan este ano dentro do Festimax serán os obradoiros de maxia, dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos. Así, o sábado 26 de outubro, o mago Paco impartirá un taller de maxia na Casa da Cultura do Milladoiro. Formaranse dous grupos de 12 participantes cada un. A primeira sesión farase ás 11:00h e a segunda a continuación, ás 12:00 horas.
O domingo 27 este mesmo obradoiro impartirase na Casa da Cultura de Bertamiráns. Tamén será impartido polo mago Paco en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:00 horas, e formaranse dous grupos con 12 nenos/as en cada un.
O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, organiza este outono as xornadas “Arredor dos castiñeiros”, que se desenvolverán nos meses de setembro, outubro e novembro. Serán catro sesións centradas nos castiñeiros que contarán con charlas, obradoiros participativos e visitas a empresas de transformación de castaña. O sábado 26 de outubro haberá unha xornada no monte escolar de Ames, de 11:00 a 13:30 horas. Trátase dunha sesión teórico-práctica na que os participantes aprenderán máis sobre a xestión dos soutos, e sobre as podas de formación, saneamento e renovación. Haberá servizo de autobús.