Axenda

Coa volta ás aulas e a chegada do outono, as bibliotecas municipais tamén retoman a súa programación habitual para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro. Por unha banda, hai propostas de animación á lectura para o público infantil de 2 a 8 anos, con contacontos, e por outra, tamén hai obradoiros para a rapazada que cursa desde 3º de primaria en diante.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, programa un novo ciclo de cine durante o mes de novembro no que se proxectarán os filmes San Simón, As liñas descontinuas e Ao son da nova regueifa. Todas elas serán proxectadas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro os xoves 5, 12 e 20 de novembro, ás 20.00 horas. Este ciclo de cine enmárcase dentro da programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro. Ao final das proxeccións haberá un pequeno coloquio sobre os filmes. As entradas teñen un prezo xeral de 3 euros e un prezo reducido de 1,50 euros. Pódense adquirir a través da Billeteira electrónica. Para o documental Ao son da nova regueifa hai que coller convite na Billeteira electrónica

O programa Apego continúa a súa programación habitual para as pequenas e pequenos do concello durante os últimos meses do ano. Esta vez, a actividade que está por desenvolverse é o obradoiro O Gaiteiro verde, da Fundación Legar. Trátase dunha actividade destinado a familias con crianzas no que se elaborarán instrumentos moi sinxelos de música de raíz con materiais naturais. Ao longo do encontro, os participantes cantarán e aprenderán a tocar instrumentos como a curuxa Esta actividade, que é de balde, e que está dirixida a familias con crianzas de 4 anos en adiante, celebrarase o venres 20 de novembro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, xoves 12 de novembro, ata o vindeiro día 19 de novembro.

A Concellaría de Mocidade amplía a súa oferta de actividades cunha nova iniciativa. Trátase do novo Club Xuvenil de Ames Distrito 13 17, un espazo pensado para a xente nova de 13 a 17 anos con ganas de pasalo ben, coñecer xente, crear, participar e facer cousas diferentes.




