Pestanas principais

Inscríbete e participa nos obradoiros de lingua e cultura En galego, co teu acento!

luns, 2 Setembro, 2019 a luns, 23 Setembro, 2019
O Concello de Ames, a través das Concellarías de Normalización Lingüística e de Benestar Social, abre do 2 ao 23 de setembro o prazo para inscribirse nunha nova edición dos Obradoiros de Lingua e Cultura "En galego, co teu acento!. Trátase dunha actividade gratuíta de 30 horas de duración que se desenvolverá de luns a venres nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro, durante os meses de outubro e novembro. Ofrécense un total de 40 prazas (20 para cada localidade).

As inscricións poden facerse tanto presencialmente, no Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e no Servizo de Axuda ao Migrante (SAMI), que está situado nas oficinas municipais do Milladoiro (Rúa de Abaixo, número 10), como a través do teléfono, chamando aos seguintes números: 662 377 215 e 981 535 941.

Os obradoiros de lingua e cultura desenvolveranse en Bertamiráns e no Milladoiro. En Bertamiráns as clases impartiranse no Pazo da Peregrina, do 1 ao 28 de outubro, en horario de 9:30 h a 11:00 h, de luns a venres. No Milladoiro, o obradoiro impartirase na Casa da Cultura desde o 4 ata o 29 de novembro, tamén de luns a venres e en horario de 9:00 h a 10:30 h. Os obradoiros duran un total de 30 horas, son gratuítos e hai 20 prazas para cada unha das localidades. As persoas que asintan, como mínimo, ao 90% das sesións recibirán un diploma acreditativo da asistencia.

O obxectivo desta actividade é que as persoas asistentes se acheguen á lingua e á cultura galega de xeito progresivo, nun proceso de aprendizaxe que pasa pola adquisición de coñecementos a partir fundamentalmente do traballo en equipo e da realización conxunta de actividades coas que se busca a toma de contacto coa lingua. Será unha actividade basicamente práctica cuns mínimos contidos teóricos.

Multimedia