Pestanas principais

Inscríbete e participa na XX Carreira Pedestre Popular Concello de Ames

Martes, 8 outubro, 2019
O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan o domingo, 20 de outubro a vixésima edición da carreira pedestre do Concello de Ames. Esta proba pertence ao VII Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña. A saída e chegada de cada proba farase na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, tal como se veu realizando nas dúas últimas edicións, unha vez que se decidiu trasladar a proba desde o entorno do Pazo da Peregrina ao centro do núcleo urbano para así facer mais partícipe á veciñanza.

O circuíto da proba absoluta estará debidamente sinalizado e contará con indicacións en cada quilómetro, ademais de estar homologado na distancia de 10 km pola Real Federación Española de Atletismo, obxectivo acadado hai tres anos coa coincidencia da proba do Campionato Galego de 10km. Para a organización deste evento cóntase coa colaboración dos clubs de atletismo do concello (Millaraio, Sar e Ames atletismo) e ademais colaborará o club ciclista Os Esfola Arrós e maila Agrupación de Protección Civil de Ames.

Na carreira popular poden participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. As inscricións pódense facer ata á media noite do día 16 de outubro, a través da páxina web de Emesports. Tamén se poden realizar de xeito presencial na tenda deportiva, Deportes Amesport, situada na avenida da Maía, número 83, en Bertamiráns. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.

As persoas que desexen participar na proba absoluta (de sub 18 a veterano) terán que aboar unha cota de 6 euros. O pagamento da inscrición poderá realizarse pola pasarela da propia páxina web de Emesports. A inscrición para as categorías escolares (de pitufo a sub 18) é gratuíta. Calquera dúbida que teñades no proceso de inscrición dos adultos pódese resolver chamando ao número de teléfono 886 153 589 ou enviando un correo electrónico á dirección info@emesports.es. Preme aquí para descargar o regulamento da vixésima edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames.

Os dorsais retiraranse na secretaría da organización, situada na Casa do Concello, o día anterior á carreira (sábado, 19 de outubro) en horario das 17:00 ás 20:00 horas ou o mesmo día da carreira, ata media hora antes da proba correspondente. Para non gardar colas recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba.

Horarios e distancias
Os corredores da proba absoluta e da categoría sub 18 tomarán a saída ás 10:30 horas da mañá dende a rúa Alcalde Lorenzo. Os sub 18 terán que dar unha volta ao circuíto da proba absoluta completando unha distancia de 5,25 quilómetros. Ás 12:00 horas está previsto que comecen as probas da categoría pitufo (nados no ano 2015 e posteriores), que correrán unha distancia de 200 metros. A esta seguiranlle os grupos prebenxamíns (350 metros), sub 10 e sub 12 (1.000 metros), sub 14 e sub 16 (2.000 metros).

Recibirán trofeos os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos e femininos e os tres primeiros absolutos masculino e feminino. Na proba absoluta recibirán trofeo os/as tres primeiros/as clasificados/as locais empadroados/as no Concello de Ames. Este ano, por segunda vez na historia da carreira, tamén recibirán trofeo os tres primeiros clubs da carreira absoluta. Por último, ao igual que nos últimos anos, os máis pequenos recibirán unha medalla como recoñecemento ao esforzo realizado.

Multimedia