Pestanas principais

Este xoves, 17 de outubro, hai unha andaina saudable dende o centro de saúde de Bertamiráns

Luns, 14 outubro, 2019
Este xoves, 17 de outubro, realizarase unha nova andaina saudable que comezará ás 17.30h e terá saída e chegada dende centro de saúde de Bertamiráns. Esta ruta, ao igual que o resto de andainas encadradas dentro do programa SaudeAndo, ten unha dificultade media–baixa e conta cunha duración aproximada de hora ou hora e media. Organizadas pola Concellaría de Sanidade de Ames e os centros de saúde de Bertamiráns e Milladoiro, estas andainas organízanse en ambas localidades en semanas alternas.

Para participar nesta actividade, que está aberta a toda a veciñanza, non é preciso inscribirse previamente. Simplemente hai que achegarse á entrada do centro de saúde de Bertamiráns antes do inicio da actividade.

Esta actividade ten como obxectivo a promoción da actividade física e a redución do sedentarismo entre os e as amesás de todas as idades, unha práctica entretida cunha importante repercusión na saúde. Neste senso, son numerosos os estudos que indican que a práctica regular de actividade física aporta unha ampla serie de beneficios, a longo e a curto prazo, tanto físicos como emocionais. Así, entre o amplo abano de beneficios que supón a realización de exercicio físico atópase a mellora da función cardiorrespiratoria, da forza muscular e da masa ósea, ademais de converterse nun factor clave para combater a obesidade.

Asemade, esta práctica diminúe o desenrolo de factores de risco asociados a enfermidades crónicas como é o caso de hipertensión, diabetes, hipercolesterolemia ou osteoporose. Por outra banda, o deporte tamén mellora a autoestima, posto que permite reducir os síntomas de ansiedade e depresión e diminuír o estrés. Neste senso, a realización de actividade física, ademais de divertido axuda a sentirse máis feliz.

Calendario de andainas durante o 2019
Entre os meses de marzo e decembro deste 2019 programáronse un total de 30 andainas, das que 16 teñen lugar en Bertamiráns e 14 no Milladoiro. Así, en Bertamiráns haberá andaina os días 17 e 31 de outubro; 14 e 28 de novembro; e 12 de decembro. No Milladoiro realizarase esta actividade os días 24 de outubro; 7 e 21 de novembro; e 5 e 19 de decembro.

Multimedia