Monte San Marcos. Parroquia de Ames - Ameixenda
Desde o alto do monte de San Marcos obtemos unha panorámica case total do Val da Maía, depresión de orixe fluvial formada en torno ao río Sar e rodeada de macizos graníticos. A vista é moi ampla dado que estamos ante unha chaira marcada por suaves ondulacións e pequenos outeiros, por onde corren varios dos regatos que alimentan o Sar. A súa superficie está cuberta por illas arbóreas, basicamente fragas e plantacións de eucalipto, que forman un manto verde de matices variados. A presenza constante de auga explica a riqueza natural deste val, onde aínda conviven en harmonía especies animais e vexetais.
Outros datos
A uns 200 metros do miradoiro atópanse as ruínas da ermida de San Marcos, con toda probabilidade levantada sobre os restos dunha torre de vixilancia medieval.





