Pestanas principais

Pazo de Quintáns ou Casa de Baladrón

Quintáns. Parroquia de Ames

A orixe desta edificación é bastante incerta. Presenta algúns elementos arquitectónicos clásicos dos pazos, o que nos levaría a datar as súas partes máis antigas no século XVIII, pero non existe documentación fiable. A estrutura do complexo é a dunha casa grande formada por varias dependencias construídas en épocas diferentes. O edificio máis alto, que faría as funcións de torre, é da época máis antiga e o corredor da parte traseira é un elemento engadido no século XX. A parte que máis salienta da casa é a torre con dous corredores na parte alta, o máis baixo cunha varanda de ferro e o máis alto cunha varanda de madeira. O pazo está enmarcado por un muro de pedra, decorado con pináculos e no que se abre un portalón de madeira coroado por unha cruz. Na actualidade, o pazo de Quintáns é a vivenda habitual dos propietarios.

Outros datos:

O pazo conta cun pombal de planta circular que está ubicado fóra do recinto, nunha parcela lindeira.