Solapas principales

Departamento de Promoción Económica y Empleo

Noticias del departamento

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, acaba de expoñer na Casa da Cultura do Milladoiro unha selección de fotografías que se presentaron á campaña “Ilumina o teu sorriso”, organizada dentro da programación de Nadal de 2019 polas asociacións de comerciantes e empresarios Palmira Bulebar, a Asociación de Pequenos Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro e a Xuntanza de Empresarios de Ames, en colaboración co Concello de Ames. Dita mostra, que está composta por arredor de 40 fotografías, estará exposta no Milladoiro ata o 15 de marzo. Despois trasladarase á Casa da Cultura de Bertamiráns do 17 ao 31 de marzo.

O pasado venres, 28 de outubro, estreouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o documental “Ames, terra de acollida”. Trátase dun documental sobre a industria e a actividade económica no concello de Ames, pero no que tamén se abordan outras temáticas como o crecemento demográfico e urbanístico, a multiculturalidade da poboación amesá, así como os atractivos culturais, turísticos e patrimoniais do concello amesán. A súa veciñanza, representantes do seu tecido asociativo e distintos persoeiros senlleiros, interveñen tamén cas súas testemuñas, para afondar na esencia desta terra. O documental está producido por Xurdir Producións Audiovisuais e conta coa colaboración do Concello de Ames. Premendo nesta ligazón podes ver o documental.

A Unión de Consumidores de Galicia vai impartir o mércores, 2 de novembro, ás 20.00 horas, unha charla sobre comercio electrónico, banca electrónica e as súas garantías. A charla impartirase no salón de plenos da Casa do Concello. Esta actividade enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL).

A Concellaría de Promoción Económica fai balance das actuacións que puxo en marcha nos dous últimos anos que estiveron marcados pola pandemia da Covid-19. Deste xeito, durante os dous últimos anos xestionou preto de dous millóns de euros para dinamizar o sector comercial e empresarial de Ames co obxectivo de paliar a crise económica derivada da pandemia. Concretamente xestionouse a contía de 1.979.556 euros, dos cales 666.038 euros foron achegados pola Deputación da Coruña (200.000 euros para adquisición do local do coworking A Proa e 466.038 euros da liña de axudas do PEL Reactiva) e o Concello investiu arredor de 1.313.518 euros de fondos propios).

Este venres, 23 de outubro, celebrouse de forma extraordinaria e urxente a comisión informativa permanente de economía e facenda e especial de contas para abordar a derrogación da ordenanza fiscal que regula a taxa por instalacións de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo situados en terreo de uso público municipal, así como industrias na rúa e ambulantes do Concello de Ames. A aprobación provisional da derrogación de dita ordenanza foi ditaminada favorablemente. O obxectivo do Goberno municipal é derogar dita ordenanza para que os vendedores ambulantes poidan afrontar a crise económica provocada pola pandemia da Covid-19.

O Concello de Ames e maia Deputación da Coruña asinaron esta mañá un convenio para a adquisición dun inmoble, situado no polígono industrial do Milladoiro, que será usado como espazo de traballo colaborativo e que terá como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego, con especial atención ao sector audiovisual. Segundo se recolle no texto do convenio, a Deputación cofinanciará algo máis do 35% dos custes do local, cunha achega de 200.000 euros.

O alcalde de Ames, Blas García, e mailo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que a Deputación aportará 160.000 euros, o 80% do orzamento total do proxecto, mentres que o Concello de Ames achegará 40.000 euros, o 20% restante. Deste xeito, a Deputación da Coruña e o Concello de Ames investirán, de xeito conxunto, 200.000 euros para a creación do ‘Ames AudioVisual LAB’, un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais que busca impulsar a produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o importante tecido produtivo do sector audiovisual no municipio.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, e maila concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, mantiveron unha xuntanza con Alberto Campos, director de operacións, e Berta Caro,directora de desenvolvemento corporativo e responsabilidade social corporativa de Tecalis. En dito encontro os representantes da empresa amesá, Tecalis Innovación, situada no parque empresarial Novo Milladoiro, comunicáronlle ao Concello que lle van ceder, de forma gratuíta, unha aplicación para impulsar o comercio de Ames. Trátase dunha aplicación con tecnoloxía innovadora para a xestión de citas dos clientes nos establecementos comerciais de todo o concello, evitando as colas e a exposición directa e a interacción innecesaria con outras persoas.

A Asociación Europea de Economía e Competitividade concedeu á empresa tecnolóxica amesá Tecalis o Premio Europeo á Xestión e Innovación Empresarial 2019. A distinción recoñece ás empresas máis representativas que apostan pola busca de novas fórmulas de innovación empresarial. Ademais a empresa, que naceu no ano 2011, foi posta fai uns meses no lugar 145 das 1.000 empresas que máis crecen en Europa.

Os veciños e as veciñas de Ames terán que agardar a que o tempo dea unha tregua para gozar de Pepo Suevos, Fátima Pego e Josep Ruíz na “Fase Festa” programada polo AmesON para este xoves 5 de agosto.

Eventos del departamento

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, informa de que a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) organiza unha nova iniciativa para este domingo, 12 de xuño. Trátase do mercado aberto Solesombra, que se celebrará no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, en horario de 11.00 a 20.00 horas. Será un mercado no que participarán 12 establecementos comerciais de Bertamiráns e do Milladoiro para dar a coñecer os servizos que ofertan. Haberá música ambiente ao longo de todo o día para amenizar o mercado.

Dentro da programación de Nadal do Concello de Ames organízanse os obradoiros “talleres e xogos do mundo”, nos que se traballará con elementos típicos do Nadal. Deste xeito, os días 28, 29 e 30 de decembro haberá instalados na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, e na praza de Chavián, en Bertamiráns, diversos obradoiros: de creación de xabóns personalizados e naturais, de coroas de Nadal, de calcetíns con motivos navideños, de galletas artesanais, de chuches saudables e de chaveiros.

O espazo colaborativo “A Proa” organiza para o mércores, 15 de xuño, ás 18.00 horas, unha nova actividade denominada “Presencia dixital para emprendedores: web, redes e ads”. As coworkers do Espazo A Proa, Isabel Viñas del Río (deseñadora web en Impulsa Dixital), e Luján Kubrusli (deseñadora multimedia en Kubrusli), van a presentar o seu primeiro taller no Espazo. A temática é a presencia dixital para emprendedores. Os/as coworkers usuarios/as do Espazo tiveron a oportunidade de formular preguntas ás poñentes que serán resoltas neste taller. A inscrición para esta actividade pode realizarse de balde premendo nesta ligazón.

As Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar anunciaron ao Concello de Ames que visitarán as vilas do Milladoiro e Bertamiráns o martes 4 e o mércores 5 de xaneiro. Co fin de que poidan recibir a todas as nenas, nenos e maiores que se queiran achegar a velos respectando as medidas sanitarias, o Concello habilitará os pavillóns polideportivos de ambos núcleos. Para acceder, cada unidade familiar debe solicitar cita previa a través da sede electrónica do Concello, premendo nesta ligazón. A rapazada que non poida asistir ás Recepcións Reais por mor dun confinamento por coronavirus poderá solicitar que os Reis lles envíen un pequeno agasallo aos seus domicilios, deixando os seus datos persoais no enderezo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal.

O Concello de Ames está organizando unha Gran Festa de Reis na que se recibirá a visita das Súas Maxestades de Oriente. Entre as actividades previstas hai unha recepción real que se fará o martes 3 e mailo mércores 4 nos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro. Os Reis Magos estarán os dous días en ambas localidades. As visitas aos Reis Magos pódense facer de 11:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas. Para participar en ditas recepcións reais é imprescindible sacar cita previa a través da Sede electrónica do Concello de Ames.

A semifinal do concurso Canta con Ames será o 4 de agosto, ás 20.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. A ela terán acceso as persoas clasificadas na fase de preselección, un máximo de 20 persoas en total, cada unha na categoría que lle corresponda. Só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés. A duración do tema determinarase co xurado en cada caso. O xurado escollerá, ese mesmo día, un máximo de 12 seleccionados, tres por categoría, para pasar á final. O venres 4 tamén actuarán no paseo da Igualdade, ao carón da Casa da Cultura do Milladoiro, as artistas Thais Suki, Sofía Rial e Catuxa Salom, ás 12:30 horas. 

O espazo coworking A Proa celebra o mércores 29 de marzo un taller de produción de documentais, que estará dirixido por Andrés Rozados. A sesión consistirá nunha exposición de 30 minutos na que se abordarán os seguintes puntos: a idea, o público e destino desa idea, o orzamento e plan de financiamento, a importancia dos protagonistas, a contorna e a sensibilidade e o proceso e o fin. Posteriormente proxectarase o Entroidar, un documental sobre o Entroido de Laza que ten unha duración de 70 minutos. Así mesmo, haberá un tempo de rogos e preguntas. 

O espazo colaborativo “A Proa” organiza para o mércores, 5 de outubro, ás 18.00 horas, unha nova actividade denominada “Taller de seguridade informática nas PEME”. Este obradoiro íase a impartir o pasado 16 de setembro, pero tívose que adiar. Deste xeito, tras un breve parón durante os meses de xullo e agosto, retómanse as actividades no centro de coworking A Proa. O coworker Rafael Yáñez, promotor do proxecto Impulsa Dixital (xunto a súa compañeira Isabel Viñas), será o encargado de impartir dito taller. A inscrición para esta actividade pode realizarse de balde premendo nesta ligazón.

Os Reis Magos visitarán o xoves 5 de xaneiro as distintas parroquias do Concello de Ames, de 10:00 a 14:00 horas. A partir das 17:00 horas terá lugar a cabalgata do Milladoiro, que se estenderá ata as 18:00 horas e rematará cunha festa no pavillón municipal coa actuación de María Fumaça. De 19:00 a 20:00 horas celebrarase en Bertamiráns, e as Súas Maxestades tamén finalizarán no pavillón, onde se desenvolverá a actuación de Pesdelán. 

Co fin de dinamizar o comercio e a hostalaría local nos días previos ao comezo do curso lectivo, a Concellaría de Promoción Económica, en colaboración coa Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), organiza as xornadas de “Volta ao cole co comercio”, dúas tardes de propostas lúdicas e sorteos que se desenvolverán o venres 9 de setembro, no Milladoiro, e o martes 13, en Bertamiráns. A iniciativa ofrecerá actividades ás nenas e nenos de 3 a 11 anos, das 17:00 ás 19:00 horas, e á mocidade dos 12 aos 18, das 19:00 ás 21:00 horas, ademais de contar con arredor de 160 premios valorados en máis de 2.000 euros.