Solapas principales

> XXI Carreira Pedestre Popular Concello de Ames

Domingo, 23 octubre, 2022

A Carreira Pedestre Popular Concello de Ames volve na que é xa a súa vixésimo primeira edición, despois de dous anos de paro obrigado pola situación epidemiolóxica. A proba, que se desenvolverá o próximo domingo 23 de outubro, contará cun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo. O prazo de inscrición para participar na carreira xa está aberto ata o mércores 19 de outubro ás 23:59 horas, e pode realizarse tanto na páxina web www.carreirasgalegas.com como de xeito presencial, no establecemento Deportes Amesport, en Bertamiráns. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.

O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan o domingo 23 de outubro a vixésimo primeira edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames. A proba pertence ao VIII Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña e é parte do Campionato de Galicia das categorías sub20, sub23, absoluta e máster da tempada 2022-2023.

A carreira, cuxa última edición se celebrou no 2019, conta cun circuíto urbano homologado pola Real Federación Española de Atletismo, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo, nas inmediacións da Casa do Concello. O percorrido estará debidamente sinalizado e contará con indicacións en cada quilómetro.

Inscricións na proba

Na carreira popular poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. As inscricións poderanse facer ata as 23:59 horas do mércores 19 de outubro, a través da páxina web www.carreirasgalegas.com. Tamén se poderá realizar de xeito presencial no establecemento Deportes Amesport, situado na avenida da Maía, número 83, en Bertamiráns.

As persoas que desexen participar na proba absoluta (de sub20 en diante) terán que aboar unha cota de 7 euros. A inscrición para as categorías escolares (de pitufo a xuvenil) é de balde. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.

No caso das inscricións para o Campionato de Galicia de 10 km en ruta realizaranse a través da plataforma da RFEF e será de balde. O prazo de inscrición rematará neste caso ás 20:00 horas do luns 17 de outubro.

Retirada de dorsais

Os dorsais poderán retirarase na secretaría da organización, situada na Casa do Concello (Praza do Concello nº 2- Bertamiráns) o día anterior á carreira (sábado, 22 de outubro) en horario das 17:00 ás 20:00 horas, ou no mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Para non gardar colas recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido.

Premendo nesta ligazón pódese consultar o regulamento ao completo da XXI Carreira Pedestre Popular Concello de Ames.