Solapas principales

> Presentación do proxecto de creación de carreiros escolares

Jueves, 15 septiembre, 2022
Ás 20:00 horas

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este xoves, 15 de setembro, ás 20.00 horas, a presentación do proxecto de creación de carreiros escolares nos centros urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Dita presentación realízase coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade que se conmemora do 16 ao 22 de setembro. Intervirán no acto a concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Beatriz Martínez, os redactores do proxecto da empresa Sepia Técnicos SL, Ángel e Samuel Folgueral, e mailo alcalde de Ames, Blas García. Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O proxecto ten un orzamento base de contratación de 411.283 euros. O obxectivo é crear uns carreiros escolares seguros dentro do entorno urbano que melloren a seguridade peonil.

Co obxectivo de resolver o acceso de nenos/nenas e pais/nais aos centros educativos de infantil e primaria e aos institutos de educación secundaria de ambas as localidades e garantir tránsitos peonís seguros e adaptados, dende o Concello de Ames decídese crear estes carreiros de acceso aos colexios do municipio que funcionarán tamén como sendas verdes de carácter máis recreativo e estarán ao dispor da cidadanía en xeral.

  • Bertamiráns: A senda escolar prevista para o acceso ao CEIP da Maía e ao IES de Ames, en Bertamiráns, realizarase creando unha senda peonil na beirarrúa existente modificada na avenida da Peregrina, partindo do cruzamento coa avenida principal da Maía coa propia avenida da Peregrina. Nese inicio da rúa é onde se prevé o inicio da senda peonil con pavimento diferencial da beirarrúa existente que se implementará na actual sección da avenida da Peregrina modificando anchos de plataforma e adaptándoa ás necesidades expostas e coordinándoo con outros proxectos en marcha.
  • O Milladoiro: A senda escolar prevista para o acceso ao CEP de Ventín dende a zona Oeste do Milladoiro terá un trazado eminentemente rural partindo desde unha glorieta na rúa do Buxo por un camiño actualmente en terra cunha pendente entre un 8 e un 20% neste primeiro tramo. Na intersección do camiño acondicionado coa estrada á aldea de Ventín poñerase un paso de peóns para cruzar pola marxe esquerda da devandita calzada para continuar coa senda.

Neste segundo tramo prevese que a senda discorra polo carril esquerdo anulado e quedando o carril dereito activo para vehículos en sentido Ventín coa particularidade de quedar ese viario con velocidade 20 km/h de servizo ás naves comerciais dos arredores. Ao final do tramo en asfalto comentado, este conéctase cun viario de acceso á aldea de Coira e un camiño en terra que chega á porta do CEP de Ventín, polo que ese camiño constituirá o terceiro e último tramo de acondicionamento da senda.

Beneficios para os rapaces e rapazas
Trátase de rutas de trazado sinxelo e seguro. Rutas que favorecen que os nenos e nenas vaian aos seus centros educativos a pé ou en bicicleta, pero o seu uso e aproveitamento vai moito máis alá do eido educativo. O obxectivo é que os rapaces reconquisten as rúas, que recuperen as vilas, que poidan volver gozar dun espazo público rehumanizado, e para iso é imprescindible que poidan moverse con seguridade e autonomía.

Isto é fundamental para o seu desenvolvemento persoal e a tranquilidade das familias. Isto contribúe enormemente á súa confianza, autoestima e independencia. E non só ten efectos beneficiosos no eido emocional e psicolóxico. Con esta medida, a mellora na saúde dos menores é integral, axundando á prevención da obesidade nestas idades; diminuír o risco de enfermidades cardiovasculares; e contribúe a aumentar a masa muscular e a mellorar a saúde da columna vertebral.