Solapas principales

>Excursión literaria á Casa de Rosalía de Castro

Sábado, 15 febrero, 2020
A partir das 10.00 horas

O Concello de Ames organiza, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, unha visita á Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón. A actividade, que se enmarca dentro da programación municipal polo Día de Rosalía, terá lugar este sábado, 15 de febreiro. Para participar é preciso reservar praza. As localizacións que se visitarán pertencen á chamada Ruta Rosaliana.

A primeira das paradas desta visita será en territorio amesán, na casa situada na Tarroeira, na parroquia de Ortoño, onde Rosalía pasou os primeiros anos da súa vida. A saída continuará en Bastavales, na parroquia de Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizaron un dos versos máis soados da autora. A seguinte parada será xa no concello de Padrón, onde as persoas participantes realizarán unha visita a Iria Flavia e á Casa-Museo de Rosalía de Castro, coñecida como a Casa da Matanza.

Durante a excursión, a escritora amesá e estudosa da figura de Rosalía de Castro, María López Sández, será a encargada de achegar información sobre a vida da homenaxeada e a súa obra, da súa traxectoria, do seu pensamento e da súa vixencia na actualidade.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata este xoves, 13 de febreiro. Para inscribirse nesta actividade cómpre enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar por teléfono ao 662 377 215 e indicar o nome e apelidos das persoas asistentes, idade, teléfono de contacto e o lugar de saída (O Milladoiro ás 10:00h ou Bertamiráns ás 10:15 horas). O número de prazas dispoñibles é de 60 e outorgaranse por orde de inscrición. A excursión ten un custo de 1,50 € (prezo da entrada á casa-museo).