Solapas principales

> Encontros literarios en Ames: Salvador Lladó

Jueves, 21 octubre, 2021

Os “Encontros Literarios en Ames” retoman a súa andaina coa presentación do libro de Salvador Lladó “A bolsa ou a vida, o 99% contra a emerxencia climática”, que terá lugar ás 20.00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Os encontros, que terán lugar cada dous xoves, enmárcanse no Programa de Animación á Lectura da Biblioteca Municipal de Ames, dirixido a público adulto. A entrada é libre e gratuíta até completar aforo. A presentación de Salvador Lladó será telemática. O autor estará en Catalunya, namentres que no pazo da Peregrina estará o profesor Manuel Casal, veciño de Ames e prologuista da obra; Patricia Buxán, tradutora e editora de Catro Ventos; a concelleira de Cultura, Natividade González e o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens.

Salvador Lladó é doutor en microbioloxía ambiental e biotecnoloxía pola Universidade de Barcelona e nesta obra presenta, dunha forma clara, didáctica e amena, diferentes perspectivas da actual crise ecolóxica: desde a causa central que sitúa na necesidade imperiosa de medrar do noso sistema económico, até o principal síntoma, a emerxencia climática, posta ademais aquí en relación coa pandemia da covid-19, e toda unha serie de propostas políticas -ecosocialismo, Green New Deal, decrecemento- que nacen da necesidade de lle pór freo a un ritmo de produción e destrución da natureza sen precedentes.