Solapas principales

> “Cé Orquestra Pantasma” en Bertamiráns

Miércoles, 26 agosto, 2020
Ás 18:00

O pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle hoxe a partir das 18:00 horas unha nova sesión de “Brincadeiras Miúdas”. A actividade organízase ao abeiro do programa Apego de dinamización da lingua galega nas idades máis temperás.

Nesta ocasión será Cé Orquestra Pantasma quen dinamice a actividade a través dun concerto e un obradoiro de brinquedos naturais.  
A actividade, para a que fai falla inscrición previa, é de balde até completar aforo.

Cé Orquestra Pantasma visita con asiduidade o noso concello e sempre acada un gran éxito a través do programa Apego. Desta volta trae o espectáculo: “A xogar, cantar e bailar”. O espectáculo inclúe un concerto de case unha hora de duración e un obradoiro de brinquedos naturais que sen dúbida moverán o maxín das crianzas e das familias e lembrarán que a rúa segue a ser un espazo único e indispensable para xogar e a natureza a mellor feira xogueteira.