Agenda
A Concellaría de Deporte celebra este venres, 19 de abril, a décimo sexta edición da Gala do Deporte, un evento no que se homenaxeará tanto aos e ás deportistas máis destacados/as do concello, como ás diversas entidades deportivas. O acto terá lugar ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, e será presentado polos xornalistas Lorena Pose e Diego Viaño. Ademais, ofreceranse distintos espectáculos e animacións.
O venres 19 de abril, ás 17:00 horas, na biblioteca do Milladoiro terá lugar o obradoiro "Contos en figuras luminosas", dirixido a nenos a partir de 3º de primaria. As familias interesadas poden inscribirse entre o 8 e o 16 de abril enviando un correo a biblioteca@concellodeames.gal no que se indiquen nome, apelidos, curso do neno/a e un teléfono de contacto. Tamén será posible inscribirse chamando ao teléfono 981 530 807. Ofértanse un total de 12 prazas.
O venres 19 de abril, ás 18:00 horas, Cris de Caldas e Xabi do Miño levarán á Casa da Cultura do Milladoiro o espectáculo "Contos en familia". Dirixido a público familiar, trátase dun espectáculo de contos, música e presentación dunha ampla escolma de libros esenciais para tratar temas clave na crianza. Un menú de conto pensado para introducírmonos no mundo da literatura infantil e para compartir experiencias e inquedanzas.
O departamento de Normalización Lingüística de Ames organiza o sábado 20 de abril, na Casa da Cultura de Bertamiráns, a presentación do libro cos textos finalistas do XX Certame Literario de Ames, ao que acudirán as persoas gañadoras da edición de 2023. No acto, o Servizo de Normalización Lingüística presentará o libro cos textos gañadores da vixésima edición do Certame, e os autores e autoras lerán as súas propias creacións.
A edición deste ano do Rally Berberecho de Noia terá un treito que se disputará de forma íntegra por estradas do noso concello. Será en horario de tarde e haberá un reagrupamento, de 17:15 a 19:30 horas, na avenida José Luís Azcárraga, diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, polo que pasarán todos os participantes. O tramo de Ames ten unha lonxitude de 11,2 quilómetros e discorre polas parroquias de Ames, Lens e Tapia. A saída do tramo estará instalada no lugar de Outeiro, mentres que a liña de meta será na estrada que vai dende a aldea de A Mámoa cara o lugar de Pedrouzos. Os pilotos farán unha dobre pasada polo tramo de Ames. A primeira pasada comezará ás 16.50 e a segunda ás 19.40 horas, sendo o último tramo do rally. O final do rally está previsto para as 20.20 horas. As estradas polas que discorre o treito de Ames estarán pechadas ao tráfico de 15.30 a 22.30 horas aproximadamente. Consulta o itinerario do tramo de Ames.
O sábado 20 de abril, ás 11:30 horas, na biblioteca de Bertamiráns terá lugar o obradoiro "Contos en figuras luminosas", dirixido a nenos a partir de 3º de primaria. As familias interesadas poden inscribirse entre o 8 e o 16 de abril enviando un correo a biblioteca@concellodeames.gal no que se indiquen nome, apelidos, curso do neno/a e un teléfono de contacto. Tamén será posible inscribirse chamando ao teléfono 981 884 829. Ofértanse un total de 12 prazas.
Durante o mes de abril, a Escola Municipal de Música organiza unha serie de obradoiros musicais dirixidos á veciñanza amesá. O sábado 20 de abril Manuel Díaz Abreu achegará aos participantes do terceiro obradoiro ás distintas disciplinas do teatro musical: a interpretación, a danza, o movemento, a voz... Todo mediante xogos teatrais, nos que se traballarán esas disciplinas. Así, os participantes lograrán adquirir unha certa técnica e tamén aprender a improvisar.
Dentro do ciclo Abril de Cine, o martes 23 de abril proxéctase a películaIn the mood for love (Desexando amar), un filme asiático que se desenvolve no Hong Kong de 1962. Neste contexto, Chow, redactor xefe dun diario local, múdase a un edificio habitado principalmente por residentes de Shaghai onde coñece a Li-zhen, unha moza que acaba de instalarse no mesmo edificio co seu esposo. Un día, ambos descubrirán algo inesperado respecto ás súas parellas que o cambiará todo. Nesta ocasión será a directora do aclamado filme “O Corno”, Jaione Camborda, a que acompañe ao público durante o coloquio posterior á proxección. A proxección será na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas
O mércores 24 de abril, ás 19:00 horas, o Grupo Chévere impartirá na Casa da Cultura do Milladoiro un obradoiro para aqueles espectadores que queiran saber máis sobre a súa obra “Helen Keller, a muller marabilla?”. Para participar só hai que enviar un correo a cultura@concellodeames.gal indicando nome, apelidos e un teléfono. Ofértanse un máximo de 20 prazas que se adxudicarán por orde de inscrición. Este obradoiro enmárcase no programa de residencias artísticas do Concello de Ames.
Hoxe, ás 17:30 horas, partirá do centro de saúde de Bertamiráns a andaina saudable de SaúdeAndo . As sesións, para as non é precisa inscrición previa, duran entre unha hora e hora e media, e teñen unha dificultade media-baixa. Estas saídas contan sempre coa presenza dun monitor de marcha nórdica, pensando nas persoas que desexen practicar esta modalidade (sempre de maneira voluntaria).
- 1 de 6
- siguiente ›