Avisos
Jueves, 30 octubre, 2025
A Policía Local de Ames recomenda extremar precaucións pola grande cantidade de persoas que acoden aos cemiterios parroquiais e ao cemiterio municipal con motivo do Día de Defuntos. É importante que as persoas que acudan aos camposantos estean en todo momento atentos ás súas pertenzas para evitar posibles roubos.
Participa na cata de produtos para o almorzo que se ofrecerá no mercado de horta e artesanía de Ames
Miércoles, 29 octubre, 2025
No marco das actividades de dinamización do mercado de produtos da horta e artesanía de Ames, este sábado 1 de novembro organízase unha cata de produtos para os almorzos, en horario de 11.30 a 12.30 horas.
Lunes, 27 octubre, 2025
A unidade móbil de doazón de sangue estará este martes, 28 de outubro, en Bertamiráns, na avenida da Maía, ao carón da praza da Maía. O horario de atención será de 9.30 a 14.30 e de 15:30 a 21:00 horas. A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) baixo o lema “Non perdas este bus, doa sangue”, pretende sensibilizar á cidadanía galega da importancia de doar sangue xa que precísanse máis de 400 doazóns diarias nos hospitais galegos. No 2024 o municipio de Ames obtivo 1.501 doazóns cunha taxa que acadou as 46 doazóns por cada 1000 habitantes e ano.
Viernes, 24 octubre, 2025
Premendo nas ligazóns que están ao pé deste aviso pódense obter os menús da Rede de Comedores Escolares (almorzos, xantares e merendas). Estes menús foron elaborados pola nutricionista municipal do Concello de Ames.
Viernes, 24 octubre, 2025
Premendo na ligazón que está ao pé deste aviso pódese obter o menú das escolas infantís municipais de Ames. Este menú foi elaborado pola nutricionista municipal do Concello de Ames.
Viernes, 24 octubre, 2025
GoPra Performance e colaboradores convidan ás familias de Ames a vivir unha experiencia única: descubrir o proceso creativo de Pedro e o Lobo nunha velada de arte en vivo. Será este venres, 24 de outubro, de 20.00 a 22.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A entrada é gratuíta.
Viernes, 24 octubre, 2025
No marco das actividades de dinamización do mercado de produtos da horta e artesanía de Ames, este sábado 25 de outubro, organízase unha nova xornada do Club tixolas, un club de cociña dirixido a nenos/as de 6 a 12 anos que se desenvolve o derradeiro sábado de cada mes. Con esta iniciativa, búscase que os máis pequenos teñan un primeiro contacto co mundo culinario e que aprendan a realizar receitas con produtos frescos de proximidade e de temporada.
Miércoles, 22 octubre, 2025
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) informa no boletín 292/71GAL emitido ás 18:44 horas do 21/10/2025, dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel AMARELO por CHOIVAS que está afectar a Coruña (Noroeste) ata a mañá do día 22/10/2025. Así mesmo, informa de nivel AMARELO por CHOIVAS a partir das 18:00 horas do 22/10/2025 na Coruña (Noroeste, Interior), Lugo (Montaña), Ourense (Noroeste, Miño, Sur) e Pontevedra (Interior e Miño). A precipitación acumulada pode acadar os 20 mm nunha hora e os 60 mm en 12 horas.
Miércoles, 22 octubre, 2025
A empresa subministradora Naturgy notificoulle ao Concello de Ames unha interrupción programada do subministro eléctrico durante o día 24 de outubro en varias rúas do Milladoiro, co fin de realizar tarefas de mantemento e desenvolvemento da súa rede eléctrica.
Martes, 21 octubre, 2025
O Concello de Ames informa de que ata o vindeiro luns, 27 de outubro de 2025, está aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación “Nadal Lúdico”, que se desenvolverá os días 22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro, e os días 2, 5 e 7 de xaneiro de 2026. Poderán participar aquelas familias empadroadas no concello de Ames, con nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil ou en primaria, e que teñan a necesidade de conciliar. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e Bos Días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns).
- ‹ anterior
- 3 de 151
- siguiente ›




