Solapas principales

Elimínanse as franxas horarias para saír a pasear e facer actividade física non profesional nas parroquias de menos de 5.000 persoas

Viernes, 8 mayo, 2020
Dende o Concello de Ames infórmase que dende este venres, 8 de maio de 2020, elimínanse as franxas horarias para as saídas de poboación en xeral (paseos e deporte non profesional) nas parroquias de menos de 5.000 veciños/as, polo que no termo municipal de Ames soamente se manteñen as restricións para saír á rúa, por franxas horarias, nas parroquias de Ortoño e Biduído. Dende o Concello de Ames apélase á responsabilidade dos veciños e veciñas no cumprimento das normas polo ben común e evitar así un posible retroceso no control da pandemia.

Despois de recibir o Concello de Ames a información relativa á nova interpretación do artigo 5.2 da Orde SND 380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións nas que a poboación xeral pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada pola Covid-19, realizada pola Xunta de Galicia, o Concello de Ames informa que dende o 8 de maio de 2020 elimínanse as franxas horarias para as saídas da poboación en xeral (paseos e deporte non profesional) nas parroquias de menos de 5.000 veciños/as, polo que en Ames soamente se manteñen ditas restricións para as parroquias e Biduído e Ortoño.

O resto das parroquias amesás, que non contarán con limitacións para saír por franxas horarias, son:

-Ames (San Tomé).
-Bugallido (San Pedro).
-Covas (Santo Estevo).
-Agrón (San Lourenzo).
-Trasmonte (Santa María).
-Ameixenda (Santa María).
-Piñeiro (San Mamede).
-Tapia ( San Cristovo).
-Lens (San Paio).

Independentemente da anulación das franxas horarias nestas parroquias, é preciso indicar que as demais restricións establecidas pola normativa estatal seguen TODAS vixentes, e con carácter xeral son:

-Durante os paseos poderase saír acompañado dunha soa persoa convivinte unha vez ao día e a unha distancia máxima de 1 km do domicilio.

-A práctica non profesional de calquera deporte será individual e unha vez ao día por todo o municipio.

-Os paseos dos nenos e nenas menores de 14 anos, serán unha vez ao día e coa distancia máxima de 1 km do domicilio. Sempre acompañados/as por unha persoa adulta que como máximo poderá levar a 3 nenos e nenas.

-Respectarase a distancia de seguridade de 2 metros con outras persoas, non podendo efectuar estas saídas aquelas persoas que presenten síntomas da COVID-19.

No caso das parroquias de Ortoño e Biduído as medidas mantéñense como ata o de agora, sendo estas:

-Paseos dos nenos e nenas menores de 14 anos, serán unha vez ao día e coa distancia máxima de 1 km do domicilio. Sempre acompañados/as por unha persoa adulta, que como máximo poderá levar a 3 nenos e nenas, entre as 12:00 horas e as 19:00 horas.

-Paseos de persoas de 14 a 69 anos, poderase saír de forma individual ou como máximo dúas persoas que convivan, unha vez ao día e a distancia máxima de 1 km do domicilio, entre as 6:00 horas e as 10:00 horas e entre as 20:00 horas e as 23:00 horas.

-Paseos de persoas adultas maiores de 70 de anos poderán pasear entre as 10:00 horas e as 12:00 horas e entre as 19:00 horas e as 20:00 horas, unha vez ao día e a unha distancia máxima de 1 km do domicilio, de xeito individual ou como máximo 2 persoas.

-Saídas de persoas adultas para facer deporte individual, entre as 6:00 horas e as 10:00 horas e entre as 20:00 horas e as 23:00 horas, unha vez ao día, dentro do termo municipal de forma individual.