Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas


Novas

O Concello de Ames realiza unha enquisa entre os e as usuarias das Escolas deportivas municipais

[11-04-2019] Durante o mes de abril, a Concellaría de Deportes de Ames está a repartir unha enquisa entre os usuarios e usuarias das escolas deportivas co obxectivo de coñecer a súa opinión sobre este servizo municipal. A través das dez cuestións que se articulan nesta sondaxe búscase coñecer que aspectos son máis sensibles de mellora baixo o punto de vista da cidadanía, así como outras disciplinas que poderían ter demanda no caso de incorporarse á oferta xa existente. Neste curso 2018-19 hai arredor de 1.900 persoas inscritas nalgunha das 20 actividades ofertadas.

Este mércores impártese un novo obradoiro de competencias socioemocionais sobre a disciplina positiva

[10-04-2019] A Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade de Ames organiza hoxe, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, un novo taller dirixido ás mulleres amesás que estará centrado na disciplina positiva. Este taller enmárcase dentro dun programa de obradoiros de competencias socioemocionais enfocados no empoderamento feminino, para a adquisición de capacidades e habilidades socioemocionais que favorezan o seu crecemento persoal. Para participar nas actividades deste ciclo non é necesaria inscrición previa.

O Concello de Ames reitera a solicitude dunha Aula CeMIT para O Milladoiro

[10-04-2019] O goberno municipal de Ames remitiu a comezos de marzo un escrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no que reiterou a súa petición de instalar unha aula CeMIT no núcleo do Milladoiro. Nesta carta dirixida á presidenta de AMTEGA, axencia dependente da Xunta de Galicia, o alcalde José Miñones fai referencia á necesidade de que Ames conte con máis dunha aula deste tipo, tanto pola fisionomía do concello como polo importante número de habitantes co que conta. Este tema tamén foi tratado durante unha reunión entre ambas partes realizada fai uns meses.

O IES do Milladoiro celebra a segunda edición do encontro profesional “Construíndo o meu camiño”

[10-04-2019] A ANPA do IES do Milladoiro organiza, coa colaboración do propio centro e o Concello de Ames, a segunda edición do encontro entre profesionais e alumnado “Construíndo o meu camiño”. O obxectivo desta iniciativa é que os mozos e mozas de bacharelato entren en contacto con profesionais das materias do seu interese para descubrir que camiño laboral queren seguir no futuro. Un total de vinte e oito profesionais de distintas ramas do coñecemento daranse cita este venres, 12 de abril, entre as 11.40 e as 14.30 horas no IES do Milladoiro, para falar da súa experiencia laboral.

A Aula CeMIT de Ames prepara un ciclo creativo, un de empregabilidade e varios obradoiros para celebrar a Semana Santa

[09-04-2019] A aula CeMIT de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, presenta a súa programación de cara aos meses de abril e maio, con cursos para adultos, actividades para os/as máis cativos/as, unha videoconferencia sobre o etiquetado dos produtos cosméticos e varios exames EMA. Asemade, con motivo da Semana Santa, organízanse varios obradoiros para crianzas e adolescentes, centrados no primeiro contacto co ordenador ou na programación co Scratch. Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web do CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á propia aula, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925