Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas


Novas

Ames avanza na implantación da Contratación Electrónica

[16-02-2019] Ames foi un dos primeiros Concellos en Galicia que comezou a utilizar a licitación electrónica, colgando na Plataforma de Contratación do Estado o seu primeiro expediente o pasado 30 de xullo de 2018. Dende finais de xullo ata a data actual tramitáronse un total de 32 licitacións de xeito electrónico (18 expedientes de obras, 5 de subministro, 7 de servizos e 2 privados).

Constitúese a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega

[15-02-2019] O Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, acolleu esta mañá o acto de constitución da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega. Impulsada por un total de quince concellos, entre os que se atopa Ames, a entidade ten como obxectivo desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma galego. Ao acto acudiron a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero, a técnica municipal, Rosa Moreiras, e responsables da política lingüística de todos os concellos integrantes do proxecto.

O goberno municipal e Ames Novo acadan un acordo para a aprobación do orzamento municipal de 2019 para Ames

[15-02-2019] Nunha reunión mantida esta mañá entre os voceiros dos tres grupos que conforman o goberno local: Blas García (PSOE), Genma Otero (Contigo Pódese) e David Santomil (BNG); e máis Quique Costas e Carmen Calviño, en representación de Ames Novo, ambas partes acadaron un punto de acordo global para a aprobación do orzamento amesá para o exercicio 2019. O encontro de hoxe encádrase dentro da secuencia de contactos e intercambios de documentación que ambas partes viñan mantendo en busca dun consenso que permita a aprobación das contas municipais, como xa ocorrera en 2017 e 2018. A vindeira semana perfilaranse os últimos detalles.

Comeza o prazo de inscrición para participar no programa de conciliación Primavera Lúdica

[15-02-2019] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, abre hoxe o prazo de inscrición para participar no programa de conciliación laboral e familiar Primavera Lúdica. O servizo desenvolverase os días 15, 16, 17 e 22 de abril, coincidindo coas vacacións escolares de Semana Santa, durante os que se organizarán varias actividades educativas e culturais destinadas aos cativos e cativas da casa. A través desta iniciativa buscase facilitarlle aos pais e nais a conciliación da súa vida laboral e familiar durante as vacacións escolares. O prazo para presentar as solicitudes de inscrición remata o vindeiro 1 de marzo. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases dos programas lúdicos, o impreso de inscrición e os prezos do servizo.

Únete ao programa “Conectad@s”, un rexistro voluntario de persoas que viven soas

[14-02-2019] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Servizos Sociais, presentou este mércores, 13 de febreiro, no local social do Club de xubilados e pensionistas do Milladoiro, o programa “Conectad@s”. Trátase dunha nova iniciativa posta en marcha polo Concello, a través do cal se vai a elaborar un rexistro voluntario para persoas que viven soas. Sobre esta iniciativa e outros programas dirixidos ás persoas maiores e persoas que viven soas, tratou a charla “Recursos para persoas que viven soas”, que impartiu o traballador social, Jesús A. Tato, e na que tamén colaborou a psicóloga municipal, Mónica Antelo. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición no programa Conectad@s.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925