Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas


Novas

O Concello de Ames invita aos locais hostaleiros a adherirse á iniciativa “Caldo de Gloria” con motivo da celebración do Día de Rosalía

[12-02-2019] Con motivo da celebración do Día de Rosalía 2019, unha efeméride que terá lugar o vindeiro 24 de febreiro, o Concello de Ames, xunto cos municipios de Brión, Padrón e Santiago, e coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro, organiza a actividade denominada “Caldo de Gloria”. Deste xeito, convídase aos establecementos do sector hostaleiro de Ames a que durante os días 22, 23 e 24 de febreiro sirvan cuncas de caldo de tapa, tanto durante as comidas como pola tarde nas ceas. Os locais adheridos recibirán un cartel e manteis de papel para utilizar esas datas. O prazo para apuntarse na devandita campaña estará aberto ata o vindeiro martes 19 de febreiro. Asemade, dentro desta iniciativa, o venres 22 servirase caldo galego na Rede municipal de comedores escolares.

Ames crea o programa “Conectad@s”, un rexistro voluntario de persoas que viven soas

[12-02-2019] O local do Club de xubilados e pensionistas do Milladoiro acollerá este mércores, 13 de febreiro, ás 17.30 horas, a charla “Recursos para persoas que viven soas”, que será impartida polo traballador social do Concello de Ames, Jesús A. Tato, e polo psicóloga municipal, Mónica Antelo. Ademais, presentarase o programa “Conectad@s”, trátase dunha nova iniciativa posta en marcha polo Concello, a través do cal se vai a elaborar un rexistro voluntario para persoas que viven soas.

Ames preparou unha ampla, variada e participativa programación para conmemorar o día de Rosalía

[12-02-2019] O Concello de Ames volverá render homenaxe a Rosalía de Castro polo aniversario do seu nacemento, desenvolvendo unha serie de iniciativas agrupadas na programación “Ames con Rosalía”. O propio 24 de febreiro, efeméride do nacemento da autora, realizarase unha gala poético-musical que contará con lecturas, dramatizacións, videocreacións e coa actuación de Rosa Cedrón. Para alén diso, a programación tamén engloba diferentes iniciativas como “Rosalía tamén vive aquí”, no ámbito educativo; “Rosalía tamén é nosa”, unha iniciativa que pretende encher as redes sociais de vídeos curtos con textos de ou para Rosalía, en boca da veciñanza de Ames ou de calquera outro lugar. “Viaxando con Rosalía”, unha excursión poética á casa de Rosalía coa escritora María López Sández, encargada de achegarnos a figura e a obra rosaliana nesta viaxe. Organizadas pola Concellaría de Normalización Lingüística, as diferentes actividades programadas teñen como obxectivo principal difundir a obra e o pensamento rosaliano entre a veciñanza do concello.

O amesán, Samuel Míguez, gaña o campionato galego de natación nas probas de 100m e 200m braza e queda subcampión en 100m estilos

[11-02-2019] A piscina do complexo deportivo Rías do Sur, de Pontevedra, acolleu os días 2 e 3 de febreiro o Campionato galego de natación alevín de inverno. En dito campionato, o amesán, Samuel Míguez Feijóo, gañou o campionato galego alevín (14 anos) nas probas de 100 metros e 200 metros braza e quedou subcampión en 100 metros estilos. Deste xeito, consegue a mínima na modalidade de 100 metros braza para disputar o campionato de España individual de natación. Ademais, Samuel Míguez foi convocado pola Federación Galega de Natación para o campionato de España de natación alevín por CC.AA., que se celebrará en Madrid os días 2 e 3 de marzo no Centro de Natación M´86.

O Camiño a Santiago da Ría de Muros-Noia promove o seu itinerario no Fairway 2019

[11-02-2019] A Feira dos Camiños de Santiago “Fairway 2019” acolleu esta mañá a reunión da Mesa de Traballo do Camiño da Ría de Muros-Noia correspondente ao mes de febreiro. Un encontro no que participaron representantes dos nove Concellos implicados na oficialización deste itinerario xacobeo: Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago de Compostela. Nesta xuntanza deuse conta dos avances realizados para conseguir o recoñecemento do itinerario cultural a Santiago da Ría de Muros-Noia.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925