Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas


Novas

Adxudícanse as obras de mellora da seguridade peonil na contorna do CEIP A Maía e do IES de Ames

[13-04-2019] A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar as obras de mellora da seguridade peonil na contorna do CEIP A Maía e do IES de Ames. Para elo vaise ampliar a beirarrúa da estrada AC-544, que discorre entre o punto de acceso ao pavillón polideportivo de Bertamiráns e o portal de entrada do CEIP da Maía. Estas obras foron adxudicadas, por un importe de 77.227 euros, á empresa SYR-AMG SL. O obxectivo é ampliar esta beirarrúa dándolle un metro máis de ancho e facer unha senda escolar co obxectivo de mellorar a seguridade de todos os pais/nais e alumnos/as que transitan diariamente por este lugar. Deste xeito, dáse cumprimento a unha vella reclamación da comunidade educativa.

Está aberto o prazo para solicitar a adxudicación directa de unidades de enterramento do cemiterio municipal de Ames

[13-04-2019] No pasado mes de xaneiro aprobouse a convocatoria, por adxudicación directa, das unidades de enterramento que quedaron sen adxudicar na licitación anterior (aprobada en Xunta de Goberno Local do 26 de outubro de 2017). Deste xeito, o prazo de solicitude de adxudicación directa das unidades de enterramento estará aberto ata o 30 de agosto deste ano ou ata que se aprobe unha nova licitación pública. Os/as interesados/as deberán presentar a correspondente solicitude de adxudicación directa de unidades de enterramento do cemiterio municipal de Ames. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dito anuncio.

O Concello de Ames oferta 500 prazas para participar nalgún dos once campamentos de verán 2019

[12-04-2019] O Concello de Ames vén de facer público o seu programa de campamentos municipais para este verán, a través do cal se ofertan 500 prazas repartidas entre 11 campamentos diferentes, que se desenvolverán entre o 26 de xuño e o 2 de setembro. O prezo dos mesmos variará entre os 45 e os 230 euros. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 25 de abril. Para asistir a algún dos campamentos, será preciso entregar a ficha de inscrición no Rexistro municipal, xunto cunha fotocopia da tarxeta sanitaria, outra do DNI no caso de dispor do mesmo, unha foto tamaño carné e un certificado médico de ser preciso. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter un folleto informativo, a ficha de inscrición e as bases dos campamentos.

Cuarta Xusta, Zënzar, Nao e Dios ke te crew actuarán no IX Millarock

[12-04-2019] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación da novena edición do festival Millarock, que terá lugar o venres 2 de agosto na mesma localidade. A rolda de prensa contou coa presencia do concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, Francisco Gómez Seijo, de COPRA Contrataciones y Producciones Artísticas, o batería de Nao, X. Ramón Iglesias; Laura Romero de Zënzar, e dous dos integrantes de Cuarta Xusta, Alberto García e Marta Sánchez. Organizado polo Concello de Ames, este evento musical xurdiu co obxectivo de promocionar o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames.

O alumnado de bacharelato do IES do Milladoiro achegouse hoxe ao mundo laboral da man de vinte e oito profesionais

[12-04-2019] Vinte e oito profesionais achegaron hoxe a súa experiencia laboral ao alumnado de bacharelato do IES do Milladoiro ao abeiro do programa “Construíndo o meu camiño”. Esta iniciativa, organizada pola ANPA do IES do Milladoiro coa colaboración do propio centro e o Concello de Ames, buscou servir como ponte entre os mozos e mozas de bacharelato e o seu futuro profesional, tentando achegarlles a maior información posible sobre as saídas laborais ás que poderán optar. A actividade desenvolveuse no propio centro entre as 11.40 e as 14.30 horas.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925