Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas


Novas

A Escola Infantil A Madalena celebrou un ano máis o mes da música

[07-12-2018] Con motivo da celebración de Santa Icía, patroa da música, a Escola Infantil A Madalena converte novembro no mes máis musical do ano. Nesta ocasión, ao longo do mes pasaron pola escola varios músicos profesionais e familiares de alumnos ou alumnas, que teñen a música como afección e/ou tocan algún instrumento. O mes da música rematou coa xa tradicional Festa do rock do centro.

O técnico municipal de deportes de Ames forma aos monitores e adestradores dos clubs deportivos caboverdiano de Tarrafal

[07-12-2018] O técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño, estivo 15 días en Tarrafal, para colaborar na posta en funcionamento dunhas escolas deportivas no municipio caboverdiano cun carácter social e con perspectiva de xénero. Esta colaboración xestionouse a través dun convenio asinado entre o Concello de Ames e a Cámara municipal de Tarrafal para establecer un programa de cooperación internacional entre ambos municipios. Dito convenio nace despois de que a técnica municipal de Turismo de Ames participase no ano 2016 no programa “Vacacións con traballo”, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Ames forma parte.

Ames conmemora o 40 aniversario da Constitución cun acto na Casa do Concello

[06-12-2018] O Concello de Ames conmemorou esta mañá os corenta anos da Constitución Española cun programa específico para a ocasión. O acto central do programa tivo lugar este xoves, 6 de decembro, na Casa do Concello, en Bertamiráns, onde se lles fixo entrega das medallas aos alcaldes de Ames que gobernaron dende 1978. A dito acto tamén asistiron o cronista oficial do Concello de Ames, Maximino Viaño, o presidente de Feiraco, José Montes, o campión de Europa de squash, Borja Golán, e diversos representantes de asociacións veciñais, culturais e empresarias, así como membros dos clubs deportivos de Ames, da asociación Arcea Adames e do Real Aero Club de Santiago. Todos eles leron diferentes artigos da Constitución. Tamén se puido asinar no Libro da Cidadanía, situado no salón de Plenos.

A maxia do Nadal convida as nenas e os nenos de Ames a iren preparando as súas cartas de Nadal en galego

[06-12-2018] O Servizo de Normalización Lingüística de Ames pon en marcha, por cuarto ano consecutivo e en colaboración coa Maxia do Nadal, unha iniciativa para encher de contido as cartas coas que as cativas e os cativos piden os agasallos. Nesta edición o lema é “Faille máis sitio á lingua”, que anima ás crianzas a utilizar a súa lingua, o galego, no maior número posible de contextos e situacións do seu día a día. Así, os cativos/as poderán compartir as súas vivencias e pensamentos cos magos nunha carta da forma que elas ou eles consideren: escribindo, debuxando, pintando, decorando...

O Nadal chega á Aula da Natureza con varios obradoiros para todas as idades

[06-12-2018] A Aula da Natureza de Ames organiza varios obradoiros de diversa temática de Nadal para os meses de decembro e xaneiro. Ademais do tradicional taller de decoración natural, tamén se realizará un obradoiro de Showcooking: buffet de Nadal, varias sesións de preparación de galletas e o ciclo Xogando coa ciencia. Para participar nalgún destes obradoiros, é necesario enviar cuberta a ficha de inscrición dispoñible baixo o apartado de descargas ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal antes do 18 de decembro.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925